Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2025
«A educación comeza na casa», lembra Mariló Saco, concelleira de Muller e Igualdade no Concello de Padrón, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago.
No marco da celebración do Día Internacional da Muller, o Concello de Padrón prepara unha xornada de recoñecemento ás mulleres que rompen barreiras nos seus ámbitos profesionais e sociais. O evento, que terá lugar o 8 de marzo no Auditorio de Padrón, homenaxeará sete mulleres destacadas, ás que se suma un recoñecemento especial ao Centro de Información á Muller (CIM), que cumpre 30 anos de labor ininterrompida.
Un traballo constante pola igualdade
Na entrevista xunto a Álvaro Veiga, Mariló Saco, responsable da área de Muller e Igualdade, e Mercedes Rego, psicóloga do CIM de Padrón que tamén da servizo aos concellos de Rois e Dodro, afondaron na importancia do traballo que se desenvolve ao longo do ano. «O CIM é un recurso de proximidade, o primeiro lugar ao que acoden moitas mulleres en busca de información ou axuda», explicou Rego, quen tamén alertou sobre o incremento de casos preocupantes entre a mocidade.
«Os datos son feos, sobre todo entre a xente nova», advertiu a psicóloga, facendo fincapé na necesidade de traballar desde a educación para evitar retrocesos nos dereitos e na igualdade de xénero.
Desde a concellería, o traballo pola igualdade non se reduce á organización de actos conmemorativos. «É unha tarefa diaria, inculcando valores en colexios e en toda a cidadanía», subliñou Saco. O CIM de Padrón, que comezou a súa andaina en 1995, ampliou os seus servizos en 2001 coa incorporación de atención psicolóxica e xurídica, e máis recentemente cunha dinamizadora en igualdade.
O recoñecemento ás Rumorosas
O acto central do 8M en Padrón xirará arredor das «Rumorosas», unha distinción que cada ano destaca mulleres pioneiras nos seus ámbitos. Este ano, as homenaxeadas son:
Ademais, o CIM recibirá unha mención especial polo seu 30 aniversario. «É o único CIM que leva en activo sen interrupción desde a súa creación», destacou a concelleira.
A educación, clave para o futuro
A preocupación pola involución en certas condutas entre a xuventude marcou unha parte da conversa. «Estamos vendo casos de control e maltrato en rapazada moi nova», advertiu Rego, relacionando este fenómeno co consumo prematuro de contidos pornográficos. «O amor non é control. Se tes dúbidas, busca no dicionario: non verás que amor signifique posesión», sinalou con contundencia.
A clave para cambiar esta realidade, coincidiron ambas as dúas entrevistadas, está na educación. «O noso traballo dende as institucións é importante, pero a educación comeza na casa», lembrou Saco. «Debemos criar fillos e fillas da mesma maneira, con igualdade de oportunidades e sen estereotipos.»
A homenaxe ás Rumorosas e as actividades do 8M en Padrón queren ser non só unha celebración, senón tamén un chamado de atención sobre os retos que quedan por diante. Como concluíu Mercedes Rego: «Oxalá algún día o CIM non teña que ser un espazo de axuda ante a violencia de xénero, senón un centro onde as mulleres poidan desenvolver todo o seu potencial sen medos nin limitacións.»
Tes a entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)