Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 marzo, 2025
Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente e Adrián Villa, mantiveron un encontro con membros da Asociación de veciños “Mestra Vitoria Míguez” do barrio de Vidán, que manifestaron a súa preocupación polo incremento dos problemas de seguridade nesta zona e o mal estado dalgunhas infraestruturas de uso habitual por veciñas e veciñas.
De la Fuente considerou que “o goberno local debería levar a cabo as accións necesarias para aumentar, de forma inmediata, os efectivos e patrullas e facer os trámites e cambios precisos co fin de ampliar a delimitación do ámbito urbano do barrio, para que a Policía local poida patrullar en toda esta zona, chegando ata urbanización de Brandía, algo que agora non pode facer”.
Así mesmo, durante esta visita, os concelleiros populares puideron comprobar, directamente, o estado do centro sociocultural que precisa, de forma imprescindible, unha intervención inmediata, “para que poida ser utilizado na súa totalidade sen perigo, dado que as deficiencias estruturais do chan da pranta primeira e as humidades provocadas pola entrada de auga no teito, imposibilitan facer un uso seguro de todo este andar”.
Villa remarcou que “hai que arranxar as fiestras, para mellorar a confortabilidade, e tamén a iluminación e sistemas de calefacción, para que a habitabilidade xeral do edificio permita desenvolver as actividades que asociación e veciños demandan”.
“En Vidán, -explicou De la Fuente- constátase un grave problema de mantemento de viais, que necesitan unha actuación importante por parte do goberno local e, tamén, faise precisa unha intervención urxente na rúa dos Caraveis, posto que existe un muro que hai que arranxar polo perigo que supón para peóns e automóbiles, xa que se atopa nun estado lamentable, sen que, ata o de agora, o goberno municipal tivera feito nada para mudar esta perigosa situación e estea demorando unha obra que solucione definitivamente o problema”.
Os edís populares solicitan, ademais, melloras nas instalacións deportivas do barrio, especialmente a iluminación das canchas de Ponte Vella e a instalación dun tellado no campo de tiro de chave que permita o seu uso cando as condicións meteorolóxicas non sexan favorables.
Como noutras zonas de Santiago, “en todo o barrio é necesario levar a cabo a limpeza de sumidoiros e redes de pluviais e, a maiores, nos lugares de Agro Vello e Ponte Vella é urxente mellorar as labores de limpeza de árbores e arbustos mortos no leito e ribeira do río Sar, para anticipar e prever as posibles inundacións que se están a producir ultimamente tamén no barrio de Vidán”, indicou o concelleiro José Ramón de la Fuente.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)