Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 octubre, 2025
Pola esquerda: Marlon García (bar Malecon), María José Rodríguez (Casa Benjamín), Ramón Rojo (alcalde), Jesús Mosquera (O Pemento), Santiago Tarrío (Taberna Angueira) e Ana Castro (cafe bar A Lúa)
Rois. 27-10-2025. O alcalde Ramón Tojo e cinco dos hostaleiros participantes presentaron esta mañá o I Concurso de tapas Rois nun bocado!, unha iniciativa do Concello de Rois que busca poñer en valor a creatividade gastronómica da hostalería local, dinamizar a vida social e fomentar a cultura das tapas no municipio. As tapas terán un prezo de 2 euros e os clientes que degusten polo menos tres en dúas zonas diferentes poderán participar nun sorteo de tres vales de 100 euros.
O concurso desenvolverase do 7 ao 23 de novembro e contará coa participación de nove establecementos hostaleiros e de restauración (bares, cafeterías e restaurantes) de distintas zonas do municipio. Cada fin de semana poderán degustarse as tapas en cada unha das tres zonas establecidas:
“Con este concurso queremos dar a coñecer a hostalería de Rois”, asegurou o alcalde, Ramón Tojo. “Temos moi bos produtos e bos hostaleiros e queremos que moita xente da comarca e de fora da comarca poida comprobalo in situ” engadiu.
Na presentación, o alcalde estivo acompañado por Marlón García (café bar Malecón); María José Rodríguez (Casa Benjamín), Chus Mosquera (O Pemento), Santi Tarrío (taberna Angueira) e Ana Castro (café bar A Lúa). Todos coincidiron en resaltar que este primeiro concurso de tapas servirá para “promocionar a nosa gastronomía e os nosos produtos e para dar a coñecer a variada oferta que temos en Rois”.
Tapas a 2 euros
Cada establecemento presenta unha única tapa, salgada ou doce, fría ou quente, ao prezo de 2 euros. O Concello establece tres premios, de 300, 250 e 150 euros e placa acreditativa para as mellores tapas. Os clientes maiores de 18 anos serán os encargados de elixir aos gañadores cos seus votos.
Ademais de degustar as tapas, os clientes teñen a opción de gañar un dos tres vales de 100 euros que se sortearán para gastar nos establecementos participantes nesta primeira edición de Rois nun bocado!
Os locais entregarán un tríptico informativo aos seus clientes. Estes deberán selalo tras degustar as tapas, elixir a súa favorita e depositalo nas furnas que hai en cada un dos nove locais. Para participar neste sorteo de agasallos será necesario cubrir un mínimo de tres selos en dúas zonas diferentes.
Co I Concurso de tapas Rois nun bocado!, o Concello de Rois busca consolidar un evento anual que fomente a creatividade culinaria, incentive o turismo e reforce a vida social do municipio.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)