AD

Comarca

Preto de 4.000 alumnos voltan ás aulas en Ames

today8 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “Ames é un concello distinto xa que rompemos a tendencia demográfica que hai en Galicia. Debido a iso necesitamos espazos novos para dar cabida ao alumnado que temos. Agradecémoslle á Xunta de Galicia que realizase a ampliación do CEIP Agro do Muíño e que estea executando na actualidade a construción do novo CEIP do Milladoiro. Ademais, é necesario arranxar as deficiencias noutros centros como é o caso da mellora da cuberta do CEIP de Barouta, que é unha demanda histórica e que se está facendo na actualidade”

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explica que “hoxe achegámonos ata o CEIP de Barouta para acompañar aos máis cativos na volta ao cole e para ver de primeira man como están avanzando as obras de mellora da cuberta deste colexio e que están na fase final. Eran moi necesarias e víñanse reclamando por parte da comunidade educativa dende hai anos. Agradecer á Xunta de Galicia por atender aos numerosos escritos feitos para cambiar a cuberta deste centro de ensino. Era unha demanda histórica xa que os que máis sufrían as filtracións de auga nas aulas eran os propios nenos e nenas. Esta obra supón un impulso para poder seguir tendo unha educación de calidade en Barouta”

Ames, 8 de setembro de 2025.- Esta maña botou a andar o curso escolar 2025-2026 nos centros escolares de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Os colexios, a escola de educación infantil do Milladoiro, as escolas unitarias e mailos institutos abriron as súas portas con total normalidade. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 3.934 nenos/as e mozos/as que cursarán estudos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, estiveron esta mañá no CEIP de Barouta xunto ao director deste centro educativo, Alonso Caxade, co cal estiveron conversando e vendo distintas instalacións do colexio. Neste centro estanse executando obras de mellora na cuberta que son sufragadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Nestas obras invístense 230.000 euros co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro.

Posteriormente, desprazáronse á escola unitaria de Covas onde saudaron aos nenos e nenas que comezaron hoxe un novo curso escolar e conversaron co profesorado deste centro. Nas escolas unitarias de Covas e A Igrexa (Ortoño) hai 20 alumnos/as matriculados/as en cada escola que é o máximo que permite a ratio na etapa de educación infantil por parte da Consellería de Educación. A cativada de entre 3 e 6 anos que asiste a estes centros goza dunha experiencia formativa diferente, con escolas de menores dimensións situadas no rural.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “Ames é un concello distinto xa que rompemos a tendencia demográfica que hai en Galicia. Debido a iso necesitamos espazos novos para dar cabida ao alumnado que temos. Agradecémoslle á Xunta de Galicia que realizase a ampliación do CEIP Agro do Muíño e que estea executando na actualidade a construción do novo CEIP do Milladoiro. Ademais, é necesario arranxar as deficiencias noutros centros como é o caso da mellora da cuberta do CEIP de Barouta, que é unha demanda histórica e que se está facendo na actualidade. Seguimos tendo necesidades noutros colexios como é o CEIP da Maía que tamén ten problemas na cuberta e cos cerramentos. Por iso seguimos solicitándolle á Xunta a necesidade de executar estas obras de mantemento”.

Sobre as escolas unitarias o alcalde puxo en valor o traballo feito por parte dos últimos gobernos municipais xa que “en 2015 cando chegamos ao goberno municipal pecharan algunhas escolas unitarias e as escolas de Ortoño e Covas estaban a piques de pechar. Apostouse por este modelo educativo e fixemos algo moi importante que foi incluír nelas os servizos de conciliación. Isto implica que as familias que apostan por este modelo educativo estean en igualdade de condicións que outras familias que levan aos seus fillos e fillas ao resto de colexios que hai no concello. Dende o Concello imos seguir apostando e investindo nas dúas escolas unitarias que este ano volven a estar ao máximo de capacidade con 20 alumnos/as en cada unha”.

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explica que “hoxe achegámonos ata o CEIP de Barouta para acompañar aos máis cativos na volta ao cole e para ver de primeira man como están avanzando as obras de mellora da cuberta deste colexio e que están na fase final. Eran moi necesarias e víñanse reclamando por parte da comunidade educativa dende hai anos. Agradecer á Xunta de Galicia por atender aos numerosos escritos feitos para cambiar a cuberta deste centro de ensino. Era unha demanda histórica xa que os que máis sufrían as filtracións de auga nas aulas eran os propios nenos e nenas. Esta obra supón un impulso para poder seguir tendo unha educación de calidade en Barouta”.

Ademais, Carmen Porto destacou que “como todos os anos durante o verán o Concello realizou diversos traballos de mantemento nos centros escolares como foron o pintado de aulas, a mellora dos espazos exteriores, e outros traballos que solicitaron dende as direccións dos colexios”.

Datos de escolarización

Os 1.982 rapaces e rapazas que cursan estudos de segundo ciclo de educación infantil e primaria están repartidos en 7 centros públicos do municipio. O CEP de Ventín é o que maior número de alumnado ten matriculado con 577 rapaces e rapazas. A continuación, séguenlle de preto dous CEIP situados na área de Bertamiráns; como son Agro do Muíño con 500 alumnos/as e A Maía con 470 nenos e nenas matriculados/as. Ademais, o CEIP de Barouta conta con 200 alumnos/as. Na EEI Milladoiro hai 195 nenos e nenas matriculados/as. Nas dúas escolas unitarias que seguen funcionando no concello hai 40 alumnos/as (20 na escola unitaria de Covas e 20 na escola de Ortoño).

Hoxe tamén comezou o curso escolar nos centros de educación secundaria, bacharelato e formación profesional. Nos institutos de Ames hai matriculados 1.376 mozos e mozas: 860 no IES de Ames, situado en Bertamiráns, 516 no IES Milladoiro. A estes datos hai que engadir 328 alumnos/as matriculados no colexio Alca, o único centro concertado de Ames no que se cursan estudos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Por último, nas escolas infantís de 0 a 3 anos hai escolarizados/as 248 alumnos/as. Na escola infantil A Madalena, no Milladoiro, hai 65 cativos, e 79 na escola infantil O Bosque, en Bertamiráns. Pola súa banda, nos centros da Galiña Azul do concello, en Bertamiráns matriculáronse 48 nenos e nenas, mentres que no Milladoiro hai 56 alumnos/as.

Cociña central

Por outra banda, este luns, 8 de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar tamén botou a andar a Cociña central que prestará servizo a preto de 1.400 alumnos/as que empregan a Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, na Cociña central vaise a elaborar o menú basal que se vai servir nos comedores escolares do CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEIP da Maía, CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. Durante o vindeiro curso 2025-2026 van a empregar este servizo un total de 1.373 alumnos/as que irán incorporándose ao servizo en tres quendas: 8 de setembro, 15 de setembro e 1 de outubro.

Ademais, manterase operativa a cociña da EEI do Milladoiro para a elaboración dos menús específicos de tratamento nutricional que poden ser por alerxias, intolerancias e/ou calquera tratamento nutricional específico.

O alcalde, Blas Garcia, destacou que “a Cociña central é un investimento grande, pero non temos dúbida que vai ser un servizo que vai a funcionar moi ben e vai marcar un antes e un despois non só no ámbito educativo, xa que a nosa intención é ampliar os contratos do persoal de cociña e ampliar tamén o servizo que se ofrece dende a Cociña central ás persoas maiores e aos usuarios/as dos programas lúdicos. A nosa intención é crear un departamento específico de conciliación porque estamos traballando diariamente con máis de 2.000 nenos e nenas que acoden aos servizos de comedores escolares, Bos días e Tardes divertidas”.

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, dixo “hoxe estreamos Cociña central despois de meses de moito traballo para que puidese estar a punto ao inicio deste curso escolar. Comeza así un nova etapa para a Rede municipal de comedores escolares. Contamos cunhas instalación inmellorables e agardamos que sexan útiles e que coa posta en marcha destas novas instalacións se poidan atender outros servizos que se prestan dende o Concello como poden ser os programas lúdicos e os campamentos de verán, entre outros servizos”.

Servizos complementarios municipais

Este ano os servizos complementarios do Concello de Ames volven a atender máis de 2.000 alumnos/as. Para este curso 2025-2026 nos servizos de comedores escolares, Bos días e Tardes divertidas están matriculados 2.025 usuarios/as.

En canto ao servizo de comedor contará con 1.373 usuarios/as, Bos días aumentou en 21 usuarios/as sumando un total de 471 nenos/as fronte aos 450 do curso pasado. Nas Tardes divertidas mantéñense cifras similares ao curso pasado con 181 alumnos/as matriculados/as.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *