Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 julio, 2025
Ames, 17 de xullo de 2025.- Este venres, 18 de xullo, vaise a celebrar a segunda edición do concurso Baila con Ames. Será a partir das 18.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta edición están inscritos un total de 77 participantes, que estarán divididos nas categorías individual, parellas ou tríos (dirixida a formacións de 2 ou 3 persoas como máximo) e grupos (para formacións de mínimo 4 persoas e un máximo de 12). O xurado, formado por Daniela Filloy, Magaly Balsa e Dora Iglesias, terá que decidir os catro premios que se outorgan por cada categoría. Repartirase un total de 3.900 euros en premios e seis vales de 100 euros cada un para gastar no comercio local. A entrada será libre ata completar aforo.
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 18 de xullo, a segunda edición do concurso Baila con Ames. O certame, organizado polo Concello de Ames e que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), tivo a súa estrea no verán de 2024 e gozou de gran acollida entre o público amesán. Cómpre lembrar que Nicolás Fuentes Romero e Balancé Lírica foron os gañadores individual/dúo e grupal da primeira edición deste certame.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “esta segunda edición do Baila con Ames está espertando unha gran expectación como demostran os datos de participación con 77 persoas inscritas e superando a participación da primeira edición. Este ano hai varias novidades como son que cada bailarín só poderá participar nunha única actuación por categoría e creamos unha categoría máis con respecto ao ano pasado que é a de parellas e tríos”.
Ademais, engadiu “este certame pretende dinamizar o sector comercial focalizando a atracción de posibles consumidores nas principais rúas comerciais, en colaboración coas asociacións empresariais máis representativas do concello. A finalidade é incrementar o consumo no comercio local atraendo a un maior número de persoas ao concello de Ames”.
Participación por categorías e premios
Neste edición do concurso están inscritos un total de 77 participantes, que estarán divididos nas categorías individual, categoría de parellas ou tríos (dirixida a formacións de 2 ou 3 persoas como máximo) e categoría de grupos (para formacións de mínimo 4 persoas e un máximo de 12).
Na categoría individual hai 15 bailaríns/as inscritos/as; na segunda categoría hai inscritos 8 dúos ou tríos; e na terceira categoría participan 6 grupos de 4 a 12 persoas. Os/as participantes proceden de A Coruña, Lugo, Zas, Ferrol, Cee, Santiago e Ames. Ademais, cómpre destacar que nesta segunda edición só se admite un bailarín por categoría e non haberá distinción por idades ou niveis.
En canto aos premios, repartirase un total de 3.900 euros en premios. Na categoría individual repartiranse 800 euros: 500 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. En canto á categoría de parellas ou tríos, repartiranse en total 1.300 euros: os gañadores do primeiro premio recibirán 1.000 euros, mentres que o segundo premio serán 200 euros e, finalmente, 100 euros para o terceiro premio. Por último, na categoría de grupos repartiranse 1.800 euros: para o primeiro premio destinaranse 1.500 euros, mentres que a contía para o segundo e terceiro premio serán 200 e 100 euros respectivamente.
Ademais, haberá dous premios especiais por categoría: o premio especial da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e mailo premio especial da Xuntanza de Empresarios de Ames. Cada un destes seis premios estará dotado cun vale de 100 euros para gastar no comercio local.
Os gañadores do primeiro premio de cada categoría tamén recibirán unha cesta saudable composta por produtos locais e de tempada, xunto cun vídeo que recollerá imaxes e momentos destacados do certame. Así mesmo, os gañadores de cada categoría comprometeranse a participar como actuación convidada nas Prebadaladas de Ames 2025.
Xurado do Baila con Ames
Nesta edición o xurado está composto por tres profesionais do mundo da danza: Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga; Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos especializada neste estilo dende hai décadas; e Dora Iglesias Bermúdez, que dispón de formación en amplos xéneros de danza como clásica, jazz contemporáneo e ballet.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)