Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 junio, 2024
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024 – A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo este martes un balance positivo do primeiro ano do seu goberno nunha entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago. Como coordinadora do equipo de goberno, describiu o conxunto como «consolidado e unido», co obxectivo primordial de «mudar o que había» e poñer en marcha políticas «valentes e distintas». Sanmartín aproveitou a ocasión para agradecer aos demais concelleiros do BNG polo seu traballo e compromiso, así como a Compostela Aberta, cos que gobernan en minoría, así como os traballadores municipais, xunto coa «altura de miras do PSOE» que permitiu avanzar en temas clave como a recente aprobación dos orzamentos.
En resposta ás acusacións da oposición que cualifican ao bipartito de realizar un goberno de «anuncios» máis que de «traballo», a alcaldesa defendeu que eses anuncios se están materializando en realidades tanxibles. Resaltou como exemplo o incremento da inversión do 65 ao 80% por parte do Estado na construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), así como os acordos alcanzados coa Xunta de Galicia en mobilidade na zona do CHUS. Sanmartín afirmou que en poucas semanas se formalizará un convenio para humanizar e dotar de máis aparcadoiros a zona do hospital, cunha contribución adicional de 3,5 millóns de euros por parte do goberno autonómico para o saneamento e abastecemento do rural.
Entre as prioridades do equipo de goberno destaca o fortalecemento do comercio tradicional, destacando a protección ao comercio de proximidade con medidas como a suspensión da normativa de usos do Plan Especial para revitalizar a zona vella. «É fundamental ofrecer servizos á veciñanza, garantir tendas de alimentación, ferraxerías, farmacias, e protexer os comercios emblemáticos e actividades imprescindibles», subliñou Sanmartín. Ante posibles críticas de ter demorado estas medidas, lembrou que «tan só levan un ano no goberno».
Sanmartín tamén abordou a preocupación cidadá pola mobilidade, sinalando a implementación de melloras non contempladas polo anterior goberno no novo prego de servizo de transporte urbano, como o bus nocturno, maiores frecuencias, bus ao rural, unha liña transversal que cruce a cidade de norte a sur e un servizo lanzadeira ao aeroporto que, ante a alta demanda, xa está activo. «Mellorar o transporte colectivo é unha prioridade», enfatizou a rexedora.
A peonalización ou semipeonalización de vías centrais como a Virxe da Cerca tamén está no horizonte, coa celebración dun concurso de ideas para definir o uso deste espazo próximo á cidade histórica, co obxectivo de seguir humanizando a cidade e reducir o tráfico de cara a unha urbe máis moderna.
De cara ao segundo ano de mandato, Sanmartín destacou as políticas de defensa e promoción do comercio, deixando claro que «este grupo de goberno non ten turismofobia, ten comerciofilia». O seus obxectivos tamén está a creación de vivenda protexida é que os turistas amplíen o seu percorrido máis alá do casco histórico e descubran o Ensanche, que tamén conta cunha oferta comercial interesante. «Unha cidade sen comercio perde a súa identidade, e Santiago sen el perdería a súa esencia», concluíu.
Escrito por Líder Redacción
alcaldesa compostela Entrevista goretti sanmartin politica primeiro ano de goberno radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)