Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A concelleira de igualdade expresou a súa satisfacción por poder colaborar co IES de Arzúa nesta tarefa porque “non podemos tolerar que se sigan producindo situacións de acoso, de discriminación e mesmo de violencia contra persoas pola súa condición sexual ou a súa identidade de xénero”
Arzúa, 26 de febreiro de 2024._A Concellaría de Igualdade do Concello de Arzúa organiza un programa de sensibilización LGBTI en colaboración co IES de Arzúa, con obradoiros para todo o seu alumnado. O obxectivo principal é sensibilizar e formar ao alumnado para fomentar un ambiente de respecto cara á diversidade afectivo-sexual e de xénero no centro de ensino.
Ademais deste obxectivo principal, este programa procura dar a coñecer a realidade do colectivo LGBTI e a terminoloxía básica; dotar de ferramentas ao alumnado para previr, detectar e actuar de maneira efectiva fronte a situacións de LGBTfobia; e sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de combater a violencia LGBTIfóbica, e como facelo beneficia ao conxunto da sociedade, non só ao colectivo LGBTI.
A concelleira de igualdade, Lucía López, destacou “o compromiso deste goberno municipal coa sensibilización na diversidade afectivo-sexual e de xénero así como o combate fronte á exclusión ou marxinación” explicou. A concelleira nacionalista expresou a súa satisfacción por poder colaborar co IES de Arzúa nesta tarefa porque “non podemos tolerar que se sigan producindo situacións de acoso, de discriminación e mesmo de violencia contra persoas pola súa condición sexual ou a súa identidade de xénero” expresou e, engadiu, “todas as administracións públicas temos que traballar para erradicar estas situacións e para isto a educación é un piar fundamental” sinalou.
Os contidos dos obradoiros están adaptados as diferentes idades. Co alumnado de 1º e 2º da ESO abordaranse conceptos básicos sobre sexualidade humana. Pola súa parte, o alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de FP Básica traballará o concepto de “Identidade” e como afectan as dinámicas identitarias ao colectivo LGBTI, e a categorización das distintas formas de discriminación e violencias que sofren as persoas LGBTI polo feito de selo. Por último, co alumnado de 2º de FP Básica, bacharelatos e ciclos realizarase unha caracterización das persoas LGBTI como potenciais vítimas de violencia e se exporán distintas situacións que se dan entre o estudantado e se analizará cal é o mellor xeito de afrontalas
Os obradoiros iniciaron este luns, 26 de febreiro, e continuarán ao longo desta semana para chegar a todo o alumnado do IES de Arzúa.
Escrito por Líder Redacción
arzua comarca concello de arzua educacion IES arzua LGTBI radiolider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)