AD

Actualidad

O PSdeG acusa ao goberno municipal de abandonar a Casa da Xuventude e deixala “empantanada»

today4 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • A concelleira socialista Marta Abal denunciou a paralización da rehabilitación da Casa da Xuventude máis de dous anos despois de que o goberno municipal de Compostela Aberta e do BNG renunciase ao convenio coa Deputación da Coruña, unha decisión que supuxo a perda de máis dun millón de euros de fondos públicos.
  • Abal acusou ao goberno municipal de “non facer nada” mentres o edificio continúa deteriorándose no centro histórico da cidade, e de tirar pola borda un proxecto estratéxico que incluía usos públicos, dinamización económica e a recuperación dun equipamento clave para a cidade.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026. A concelleira socialista Marta Abal criticou a falta de avances na rehabilitación da Casa da Xuventude máis de dous anos despois de que o goberno municipal de Compostela Aberta e do BNG renunciase ao convenio coa Deputación da Coruña asinado na pasada lexislatura.

Segundo explicou, aquela decisión supuxo a perda de máis dun millón de euros destinados á rehabilitación do edificio, así como do compromiso da Deputación de asumir durante 25 anos os custos de mantemento e conservación. “Era unha oportunidade para garantir a conservación dun edificio que hoxe se está deteriorando”, afirmou.

Abal lembrou que desde o PSdeG xa advertiran en 2023 de que a renuncia ao convenio deixaba dúas opcións, continuar co proxecto acordado ou asumir que o inmoble quedaría paralizado, e “por desgraza, é exactamente onde estamos a día de hoxe, cun edificio empantanado, sen avances e deteriorándose a pasos axigantados”, sinalou.

A concelleira subliñou que a rehabilitación prevista non era “un simple lavado de cara”, senón un proxecto integral que incluía usos municipais e provinciais, un espazo de coworking, servizos á cidadanía e a modernización do auditorio, ademais dunha intervención para mellorar a integración urbana do edificio coa contorna.

A socialista criticou tamén que, pasado xa o ecuador da lexislatura, o goberno municipal non presentase ningunha alternativa. “Non hai proxecto, non hai calendario, non hai proposta alternativa. Hai silencio”, afirmou, mentres o edificio continúa deteriorándose no centro histórico da cidade.

Abal cualificou de “profundamente contraditorio” que o goberno local xustifique a construción de novos equipamentos pola súa suposta falta en Santiago e, ao mesmo tempo, renuncie a recuperar a Casa da Xuventude.

“O peor que pode facer un goberno é non facer nada”, concluíu Abal. A concelleira advertiu de que “Santiago non pode permitirse perder fondos por falta de inacción ou de visión” e atribuíu esta situación á “falta de capacidade de xestión” do goberno municipal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *