AD

Actualidad

PSdeG: «Declarar Santiago zona tensionada non resolverá por si soa o problema da vivenda»

today11 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Marta Abal advirte de que declarar Santiago zona tensionada non resolverá por si soa o problema da vivenda e insiste na necesidade de medidas complementarias.
  • A concelleira socialista alerta de que en Santiago “non hai vivenda para alugar a prezos accesibles” e reclama actuar xa sobre o parque de vivenda baleira.
  • As e os socialistas denuncian a falta de ambición nas políticas de vivenda e esixen á Xunta e ao Concello actuar con máis decisión e coordinación.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal advertiu de que a solicitude para declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado non resolverá por si soa o problema da vivenda e insistiu en que esta figura “non é un fin, é un medio para facer políticas públicas de vivenda”.

Abal advertiu de que a petición municipal baséase no incremento acumulado do prezo do alugueiro entre 2019 e 2024, superior ao 40% segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o que evidencia que “en Santiago de Compostela temos un problema serio no mercado de alugueiro”. Con todo, advertiu de que a clave está nas medidas que se adopten a partir de agora, porque “o esencial son as medidas correctoras”.

A concelleira socialista puxo o foco na falta de oferta de vivenda accesible e subliñou que “non hai vivenda para alugar a prezos accesibles”, lembrando que o número de persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda medrou un 140% desde 2020, pasando de 726 a 1.749 persoas.

Neste sentido, destacou tamén o déficit estrutural do parque de vivenda en aluguer social en Santiago, que se sitúa nun 1,48% do parque residencial, moi lonxe da media estatal (3,3%) e da europea (8%). “Estamos evidentemente moi lonxe da media estatal e afastadísimos da media europea”, advertiu.

Abal insistiu en que, ante esta situación, fan falta medidas a curto e a longo prazo. A curto prazo, reclamou actuar sobre o parque de vivenda baleira e lembrou que o propio estudo municipal sinala que “o stock de inmobles desocupados constitúe unha oportunidade para ampliar a oferta de vivenda a curto prazo”. Segundo datos do INE de 2021 incluídos no expediente, en Santiago hai 6.198 vivendas baleiras.

Por iso, os socialistas propoñen a posta en marcha dun programa municipal específico para mobilizar vivenda baleira, inspirado en experiencias como a do Concello de Lugo ou o programa vasco Bizigune, e advertiu de que “o programa da Xunta non está a funcionar”.

A longo prazo, Abal defendeu reforzar a cooperación entre administracións para incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e criticou que, tras máis de vinte anos sen promoción pública en Santiago, a Xunta anuncie apenas 60 vivendas. “O que é necesario é incrementar o parque de vivenda pública protexida para alugueiro”, subliñou.

A concelleira socialista mostrou tamén preocupación pola desaparición no expediente dunha medida correctora clave, relativa á colaboración coa Xunta para mobilizar vivenda baleira, e advertiu de que esta cuestión é esencial porque, segundo lembrou, “para mobilizar vivenda a prezos accesibles hai que poñer o foco na vivenda baleira”.

Neste sentido, Abal insistiu en que as solucións deben aplicarse de maneira coordinada entre administracións e sinalou que “as medidas correctoras téñenas que implantar a Xunta da man do Concello”. A concelleira socialista advertiu ademais de que a Xunta “xa tiña que estar facendo este trámite” e declarar de oficio as zonas tensionadas onde se cumpren os requisitos legais.

Finalmente, Abal subliñou o impacto real do problema e advertiu de que “quen está sufrindo as consecuencias son as veciñas e veciños de Santiago e as persoas que queren vir e non poden porque non hai vivenda”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *