Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 marzo, 2026
A banda galega Pulpa, gañadora da cuarta convocatoria do proxecto musical Onda Chicha, continúa abríndose camiño nun panorama musical complexo para os grupos emerxentes. Nunha entrevista radiofónica, dous dos seus integrantes, Nelson e Serxio, repasaron os inicios da banda, as súas influencias e as dificultades ás que se enfronta hoxe a música independente. O grupo opta a participar ademais no ChichaFest, previsto para o 13 de xuño na sala Capitol de Santiago, onde poderán compartir escenario con outros artistas destacados do ciclo.
Pulpa naceu en Narón en 2024, tras anos de experiencia dos seus membros en outros proxectos musicais. A banda está formada por Nelson e Serxio xunto con Berto, Juli e Eric. O grupo define o seu estilo como rock alternativo ou indie con influencias post-punk, cunha referencia clara ao son dos anos oitenta. “Pretendíamos facer música post-punk, pero cando gravamos decatámonos de que eramos máis ben un grupo indie”, explicaron durante a conversa.
Entre as referencias musicais da banda destaca especialmente o álbum Disintegration de The Cure, que influíu de forma decisiva no seu primeiro traballo. Segundo relatou Serxio, ese disco serviu como guía sonora durante o proceso creativo: “Foi unha referencia moi clara para a creación do disco; queriamos un son dos 80 pero levado ao contexto actual”.
O grupo traballou intensamente na definición do seu estilo antes de entrar no estudo. Partían dunha gran cantidade de cancións procedentes de proxectos anteriores, polo que tiveron que seleccionar e reorganizar o material ata atopar unha coherencia artística. “Tiñamos unha morea de temas e houbo que decidir cales encaixaban para construír un disco con identidade propia”, explicaron.
O resultado é un traballo que combina atmosferas escuras con momentos de luminosidade, unha estética habitual dentro do post-punk. “Hai moita escuridade nas cancións, pero sempre intentamos que apareza un punto de luz”, sinalaron durante a entrevista.
As letras de Pulpa abordan temas diversos, desde a pandemia ata a actualidade política ou social, sempre desde unha perspectiva crítica. Non buscan, segundo explican, facer propaganda ideolóxica, senón provocar reflexión. “Temos temas críticos que invitan a pensar un pouco máis alá do evidente”, comentaron.
O proceso creativo adoita comezar con maquetas iniciais que posteriormente se transforman no local de ensaio. “Eu preparo unha idea na casa e despois o grupo destrípa esa proposta ata convertela nunha canción final”, explicou Xerxio sobre a dinámica de traballo da banda.
A pesar do entusiasmo creativo, os membros de Pulpa recoñecen que a realidade para as bandas emerxentes é complicada. Para eles, participar en iniciativas como Onda Chicha resulta fundamental. “Como artista emerxente é moi difícil conseguir visibilidade; proxectos así son dos poucos raios de luz aos que agarrarse”, afirmou Nelson.
O grupo tamén sinalou os problemas estruturais da música en directo, como a falta de circuítos estables ou a diminución do público en salas pequenas. “Hai moitas bandas moi boas, pero relativamente pouco público”, lamentaron, recordando tempos nos que era habitual asistir a concertos para descubrir novos grupos.
Outro dos temas centrais da entrevista foi a situación dos músicos que non poden dedicarse exclusivamente á música. Nelson defendeu a importancia desta figura dentro do ecosistema cultural. “A maioría dos creadores precisamos traballar para poder tocar; o músico profesional é minoría”, afirmou.
Segundo explicou, compatibilizar a música coa vida laboral e familiar é unha realidade habitual: “Gustaríame vivir disto, pero teño que traballar para manter a miña familia”.
A pesar das dificultades, Pulpa mantén intacta a ilusión polo directo. O escenario é, para eles, o lugar onde a música cobra sentido. “Para iso estamos metidos nisto: para tocar en directo”, aseguraron.
Nos próximos meses, a banda continuará presentando o seu repertorio en diferentes concertos e prepara tamén a edición dun vinilo autoeditado co seu primeiro traballo. Mentres tanto, a súa participación no Chicha Fest supón un paso máis nun camiño que apenas acaba de comezar.
Escrito por Líder Redacción
Chicha Fest chichalovers Onda Chicha Pulpa radio lider santiago



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)