AD

Actualidad

Raxoi aproba o proxecto de orzamentos municipais para o 2025

today17 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

AXunta de Goberno deu luz verde esta mañá ao proxecto de orzamentos municipais para este ano que ascende a máis de 146 millóns de euros, un 2,60% de incremento con respecto ao exercicio anterior. Esta proposta, que terá que ser sometida ao Pleno para a súa aprobación inicial, foi froito dun acordo asinado o pasado 14 de xaneiro polos grupos que conforman o goberno de Santiago, BNG e Compostela Aberta, co grupo municipal socialista. 

A voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, recordou na rolda de prensa desta mañá que se trata dun “orzamento equilibrado” que ascende a 146.129.089,50 euros, unha cifra «que supón un 2,60% de incremento a respecto do exercicio anterior». Tamén detallou que o gasto corrente situarase nos 130 millóns de euros e os investimentos reais estarían en torno aos 13 millóns. “Prevese unha operación de crédito por importe de 2.517.539,82, con efecto neutro no endebedamento municipal», detallou a concelleira.

Esta proposta pasará agora pola Comisión Informativa de Facenda esta semana de cara á súa inclusión nunha sesión plenaria extraordinaria que terá lugar previsiblemente a final do mes de febreiro.

Cinco eixes

O proxecto de orzamentos aprobados esta mañá, estrutúrase en cinco eixes: o social, as políticas de vivenda, a mellora do espazo público e das infraestruturas; un cuarto eixe de equipamentos e o quinto de sustentabilidade ambiental.

No primeiro eixe, mantéñense os recursos para atención aos colectivos máis vulnerables, apostando por servizo de axuda no fogar, bolsas de comedores, axudas para libros e actividades extraescolares, conciliación ou axudas a entidades sociais, entre outras.

No segundo, destacan as políticas de vivenda. Así, a proposta de orzamentos recolle para este obxectivo máis de 4 millóns de euros, o máis importante dos investimentos.

En canto ao coidado do espazo público, destaca o compromiso co rural, con novas cantidades para o mantemento de vías e a dotación de saneamento e abastecemento que se completarán coas achegas doutras administracións, así como partidas dedicadas ao mantemento e mellora das vías e instalacións urbanas.

No cuarto dos ámbitos sobre o que pivotan os orzamentos, atópanse as instalacións deportivas como o Vero Boquere e o Pavillón de Lamas Abade ou Santa Marta, a cociña central para o novo modelo de comedores escolaresou a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores. Tamén se prevén partidas para arranxos en centros escolares, para o parque de bombeiros e para a redacción do proxecto do novo centro para a mocidade.

En quinto lugar, no que ten que ver coa sustentabilidade ambiental, os orzamentos recollen partidas para continuar impulsando a diminución da pegada de carbono, apostando pola compostación da materia orgánica, a renaturalización de espazos e o tratamento adecuado do ciclo da auga.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *