AD

Comarca

Reclaman a humanización da N-550 ao seu paso por Escravitude, en Padrón

today22 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado a posta en marcha dun plan integral para a humanización da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo de poboación de Escravitude, no termo municipal de Padrón. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a voceira municipal, Beatriz Rei, lembran que esta é unha demanda histórica da veciñanza que continúa sen unha resposta efectiva malia as reiteradas reclamacións realizadas nos últimos anos.

A N-550 atravesa o núcleo histórico de Escravitude, onde se atopa o Santuario e outros elementos de alto valor patrimonial e cultural, moi frecuentados por peregrinos e visitantes. Porén, a accesibilidade e a seguranza viaria son moi deficientes, con ausencia de beirarrúas axeitadas e unha convivencia perigosa entre vehículos e persoas.

“Estamos a falar dun tramo urbano dunha estrada estatal que carece das mínimas condicións de seguranza e accesibilidade. Non se pode seguir adiando unha actuación que é urxente e xusta para a veciñanza e para todas as persoas que transitan por Escravitude” afirma Néstor Rego, que avanza que o BNG trasladará esta problemática ás Cortes do Estado mediante iniciativas parlamentarias dirixidas ao Ministerio de Transportes.

Neste sentido, Beatriz Rei lembra que no pasado mes de xaneiro a veciñanza presentou no Concello un escrito avalado por 370 sinaturas, reclamando un plan de humanización do núcleo, vertebrado pola N-550 e afectado tamén polo paso da liña ferroviaria. “A complexidade administrativa non pode servir de escusa para a inacción. É preciso coordinación entre o Ministerio, ADIF, a Xunta e o Concello para dar unha solución real” subliña Rei.

Entre as demandas veciñais, que o BNG tamén leva reclamado durante moito tempo figuran a dotación dunha rede de saneamento, a construción dunha glorieta na N-550 na intersección co vial da Queiruga, a ampliación das beirarrúas nun dos marxes da estrada e a negociación con ADIF para a cesión de terreos ferroviarios en desuso que permitan crear espazo público e zonas de estacionamento.

Néstor Rego denuncia a falta de avances malia os compromisos adquiridos polo actual alcalde de Padrón. “A veciñanza leva anos presentando reclamacións e recordatorios sen obter respostas claras. Non se trata dunha demanda nova nin caprichosa, senón dunha necesidade básica para garantir a seguridade e a calidade de vida” indica.

O BNG insiste que a humanización da N-550 ao seu paso por Escravitude debe ser unha prioridade e reclaman vontade política e prazos concretos para desbloquear unha actuación fundamental para Padrón. “Non imos deixar soa á veciñanza. Seguiremos presionando nas institucións para que esta demanda sexa atendida dunha vez” conclúe.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *