Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 junio, 2025
– Con motivo da celebración do festival O Son do Camiño, que terá lugar no Monte do Gozo o xoves 12, venres 13 e o sábado 14 de xuño, produciranse as seguintes modificacións no tráfico:
– Pecharase á circulación a rúa das Estrelas (dende a rotonda coa rúa de Fernando Casas Novoa), a rúa do Gozo, a rúa San Martiño e a rúa da Agra dos Campos dende as 12:00 horas do xoves 12 ata as 05:00 horas do domingo 15 de xuño, excepto para vehículos de emerxencia.
– As persoas residentes, que deberán estar acreditados pola organización, poderán acceder pola rúa San Martiño, ou pola zona de Aríns.
– Os vehículos de persoas con mobilidade reducida que asistan aos concertos accederán pola rúa do Gozo.
– En función da densidade do tráfico, principalmente na hora de remate dos concertos, poderán sufrir cortes puntuais as rúas de Senande, Santa Eulalia de Bando e rúa San Marcos. Nesta franxa horaria tamén poderá pecharse ao tráfico a N-634, tendo os condutores que utilizar a autovía A-54 (autovía do aeroporto).
Recoméndase na medida do posible empregar o transporte público, reforzado por dous servizos lanzadeira, e evitar o uso do turismo privado. Para facilitar o estacionamento do mesmo reservarase o aparcadoiro do Estadio de San Lázaro e o da Cidade da Cultura.
Transporte urbano
Lembramos que se habilitarán dous servizos lanzadeira, un dende o centro da cidade e outro dende a Cidade da Cultura, que funcionarán durante os días 12, 13 e 14 de xuño de forma continuada ata o acceso ao Monte do Gozo. Os servizos de ida funcionarán desde as 15:00 ata as 22:30, e os de volta arrancarán ás 22:30 e finalizarán ás 5:00 horas da madrugada os tres días do evento. A partir das 22:30 horas, as lanzadeiras realizarán exclusivamente viaxes de volta dende os puntos de saída próximos ao monte do Gozo ata o centro da cidade e ata a área de estacionamento da Cidade da Cultura.
A liña especial 1 terá como punto de saída as dársenas da Cidade da Cultura. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 22:30 horas será a rúa de San Lázaro nº 104, confluencia coa rúa de Miguel Ferro Caaveiro.
A liña especial 2 terá como punto de saída a estación de autobuses, nas dársenas da 21 á 25. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 22:30 horas será a avenida de Fernando Casas Novoa, confluencia coa SC-20.
Haberá unha liña especial adicional para campistas, que realizará servizos desde o aparcadoiro do multiusos Fontes do Sar (parada do transporte urbano fronte á entrada ao edificio). Estes autobuses chegarán ata a zona de camping do Monte do Gozo, no cruce de Senande e rúa das Estrelas.
Os servizos de ida desta liña serán exclusivamente o xoves 12 de 10:00 a 14:00 horas, e os de volta serán o domingo 15 de 10:00 a 14:00 horas.
Ademais, os/as asistentes aos concertos dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo:
A liña 6 (Os Tilos – San Marcos) realiza paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos e Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, con servizos ata as 23:00, as frecuencias serán de 20 minutos o xoves e o venres, e de 30 minutos o sábado pola tarde. As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: (691) rúa do Hórreo (estación Intermodal), (276) rúa do Hórreo (Parlamento), (277) rúa do Hórreo nº 23, (228) rúa da Ensinanza e (662) rúa da Virxe da Cerca nº 10. A parada máis próxima ao estadio de San Lázaro para acceder a esta liña é a 562, rúa de San Lázaro nº 82.
A liña 7 (Valle Inclán – Aríns), conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (cruce rúas Senande con San Martiño) nos servizos con destino Aríns. Terá unha frecuencia de 60 minutos todos os días do festival, con servizos ata as 22:00. As paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: (637) rúa de Valle-Inclán (dársena de autobuses), (660) rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), (247) rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e (410) praza de Galicia nº 3.
O Concello de Santiago de Compostela prégalle á cidadanía que atenda as indicacións da Policía Local e desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)