Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 marzo, 2026
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, fixo balance dos primeiros 1.000 días de mandato nun acto no que estivo acompañado polos catro concelleiros do seu equipo de goberno: Alberto Angueira, Ana Vidal, Julio Alcalde e Olaya Figueira. Durante a comparecencia, o executivo repasou as principais actuacións realizadas neste tempo e avanzou algúns dos proxectos que marcarán o futuro do municipio.
Bustelo resumiu o traballo destes case tres anos cunha frase: «O que fixemos foi facer aquilo que dixemos que iamos facer», reivindicando así o cumprimento dos compromisos adquiridos ao inicio da lexislatura.
Coincidindo con este balance, o goberno municipal presentou a marca Rianxo 2030, unha iniciativa que pretende servir de folla de ruta para impulsar proxectos estratéxicos que transcenden o actual mandato. Segundo explicou o rexedor, trátase dun horizonte de futuro para o municipio que busca garantir a continuidade de actuacións clave, independentemente dos cambios políticos que poidan producirse nos próximos anos.
Entre as actuacións executadas ata o momento, o alcalde destacou os investimentos realizados na mellora de infraestruturas e servizos básicos. Dende o inicio do mandato comprometéronse arredor de tres millóns de euros en obras de ampliación e renovación de redes de abastecemento e saneamento, así como en pavimentacións de viarios e accesos a núcleos rurais.
Bustelo tamén mencionou outras iniciativas impulsadas polo executivo local, como as liñas de apoio ao comercio, á hostalaría e á confraría, así como a elaboración dos orzamentos municipais de 2026, que prevé levar a pleno este mes e que, segundo avanzou, serán os máis elevados dos últimos anos.
Entre os proxectos de futuro figura a transformación da fachada marítima, unha actuación ambiciosa que pretende renaturalizar este espazo e dar maior protagonismo aos peóns e ao comercio local, reducindo a presenza de vehículos. Para avanzar nesta iniciativa será clave a cesión dunha parcela próxima ao auditorio por parte de Portos de Galicia.
No ámbito cultural e deportivo, o concelleiro Julio Alcalde destacou a ampla programación anual que se desenvolve no municipio e anunciou a futura reforma do auditorio municipal, para a que xa se iniciou unha auditoría técnica que permitirá definir as actuacións necesarias. Tamén avanzou a rehabilitación da antiga Casa do Mar para convertela na Casa da Música Ramón Carou. No plano deportivo, unha das prioridades será a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Vilas.
Pola súa banda, Ana Vidal repasou as iniciativas en materia social e educativa, como as axudas ás ANPA, o servizo Rianxo Madruga, a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá —pola que xa pasaron máis de 60 familias— ou os programas de envellecemento activo e o centro de estimulación terapéutica. Entre os grandes proxectos en marcha destacou a creación dun centro de día no Pazo de Rianxiño e a futura residencia de maiores, que promoverá a Deputación da Coruña.
En materia de eficiencia enerxética, Alberto Angueira subliñou as actuacións realizadas para reducir o consumo eléctrico municipal, como a renovación do alumeado público en distintos espazos e instalacións municipais. Segundo explicou, estas medidas permitirán acadar un aforro estimado de arredor de 400.000 euros ao final do mandato. Ademais, anunciou proxectos como a restauración do hórreo do Araño e a renovación do pavimento do paseo marítimo.
Outro dos obxectivos prioritarios do executivo será avanzar na aprobación definitiva do planeamento urbanístico, un documento clave para o desenvolvemento futuro do municipio e que o alcalde espera poder culminar antes de rematar a lexislatura.
Ao remate da súa intervención, Bustelo mostrouse satisfeito polo traballo realizado ata o momento e ilusionado cos retos que quedan por diante, asegurando que o goberno local continuará traballando para consolidar os proxectos en marcha e seguir mellorando os servizos para a veciñanza.
Escrito por Líder Redacción
1000 dias brabanza comarcas goberno de rianxo politica rianxo en comun



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)