Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 mayo, 2025
Rois. 13-5-2025. O campo da festa de Rois acolle este venres 16 de maio, a partir das 23:00 horas, unha das citas máis agardadas do calendario festivo do concello: a gran verbena do Santo Isidro. A música correrá a cargo da histórica Orquestra Charleston Big Band, que celebra este ano o seu 40 aniversario, e da discoteca móbil La Mega CDC, coñecida polas súas actuacións enérxicas e festivas.
A orquestra Charleston Big Band, creada en 1984 por un grupo de músicos da Banda Municipal de Música de Padrón, conmemora este ano catro décadas nos escenarios. A súa historia está marcada pola evolución constante, a incorporación de voces recoñecidas e unha posta en escena impecable. Finalistas en 2024 dos Premios Martín Códax da Música, continúan a ser un referente das verbenas galegas.
Pola súa parte, La Mega CDC representa o lado máis espectacular das discotecas móbiles, consolidada como líder nas noites festivas de Galicia. O éxito desta formación débese non só ao apoio do público, senón tamén ao seu equipo humano e técnico, que foi medrando e perfeccionándose tras cada evento.
O Concello de Rois lembra que, como en anos anteriores, habilitarase un aparcadoiro gratuíto e un servizo de cantina, para que todas as persoas asistentes poidan gozar da verbena con comodidade.
Co obxectivo de garantir un espazo seguro, libre de violencia machista e de calquera tipo de agresión ou comportamento discriminatorio, o Concello de Rois contará cun Punto Lila operativo de 00:00 a 03:00 horas.
A gran verbena do día 16 será o broche de ouro a dous días de celebración, que comezan o xoves 15 coa tradicional homenaxe Santo Isidro Labrador a Ramón e Clara Abalo polo seu labor no mundo da camelia, o pregón da escritora roisense María Losada Vázquez e o xantar popular, no que participarán centos de veciños e veciñas no polideportivo dos Dices.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)