Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 marzo, 2026
Pola esquerda: Valentín García, Ramón Tojo, Henrique Monteaguro e María López Sández (tesoureira da RAG)
Rois. 24-3-2026. O Concello de Rois, a Real Academia Galega, e a Secretaría Xeral da Lingua asinaron o acordo de colaboración que permitirá realizar o mapa sociolingüístico escolar do municipio. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, rubricaron o documento que formaliza a cooperación entre as tres institucións para que o Concello conte cun diagnóstico detallado sobre a situación do galego entre o alumnado de infantil, primaria e secundaria.
Rois é o quinto concello de Galicia que traballará co Seminario de Sociolingüística para desenvolver unha investigación que ten como obxectivo “servir de base para unha mellor planificación das accións de normalización do galego”, lembra o presidente da Academia. “Este é o primeiro acordo desta natureza que asinamos cun concello pequeno en poboación. Somos conscientes do esforzo que significa para Rois e agradecemos a súa implicación, tamén a colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, que nos permitirá estudar polo miúdo por primeira vez o estado da nosa lingua entre a poboación máis nova dun municipio de carácter marcadamente rural que non chega aos 5000 habitantes. O seu interese no eido da investigación sociolingüística, polo tanto, vai máis aló de Rois”, expresa Henrique Monteagudo.
O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu a colaboración da RAG e da Secretaría Xeral da Lingua para elaborar “este mapa sociolingüístico, que nos vai axudar a realizar unha dinamización da lingua galega que sexa efectiva. Queremos saber cal é o punto de partida de Rois no que atinxe ao uso do galego e ás actitudes de cara ao noso idioma dos 409 alumnos e alumnas menores de 16 anos que temos nos centros educativos do municipio”, asegurou. Ramón Tojo tamén resaltou o feito de que “Rois é o primeiro concello con menos de cinco mil habitantes que asina este acordo, como xa fixeron Ames, Carballo, Pontevedra ou Santiago”.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixo fincapé na importancia “de contar coa cativada na posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura”. Neste senso, destacou que son as xeracións máis novas, xunto coas súas familias, “un dos contextos nos que desde a Xunta poñemos o foco con medidas como os programas 21 días co galego e +, o Falamos + ou as distintas iniciativas para promocionar contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarin.gal.
A Real Academia Galega publicou en 2021 o primeiro mapa sociolingüístico escolar de Galicia, froito da colaboración co Concello de Ames. O documento serviu de base para a posta en marcha por parte de ambas as institucións de Modo galego, actívao!, un completo proxecto de investigación-acción concibido como banco de probas de accións innovadoras de dinamización da lingua na infancia e na mocidade que sexan replicables noutros municipios. O Seminario de Sociolingüística está a desenvolver desde 2025 o mapa de Santiago de Compostela e no que vai de ano, a RAG asinou ademais senllos acordos cos concellos de Pontevedra e Carballo, aos que se suma agora o de Rois.
Os mapas sociolingüísticos escolares afondan na identificación dos factores, axentes e contextos de socialización que aceleran ou frean o proceso de substitución do galego polo castelán.
Metodoloxicamente nútrense das enquisas que responden os distintos axentes da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)