Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 mayo, 2024
• As actividades, para todos os públicos, desenvolveranse ata o 1 de xuño
• As agrupacións de música tradicional da contorna estarán presentes en ‘Sementes de Rois’, ‘Naturfest’ e no encontro de corais
• O Premio Ciclista, a andaina por parellas e a do Santo Isidro e o torneo infantil de tenis son as grandes citas deportivas
Rois. 6-4-2024. O Concerto de Primavera da Escola Municipal de Música marcou este sábado o inicio da ampla e variada oferta de Rois no Camiño das Letras, programa co que o Concello conmemora o mes das Letras Galegas. A extensa programación desenvolverase ata o vindeiro 1 de xuño, en paralelo á celebración das festas patronais do Santo Isidro Labrador, e permitiralle a veciñanza e visitantes gozar, de balde, de música, deportes, maxia, teatro e diversas exposicións.
Alumnado e profesorado da Escola de Música Municipal abriron o pasado sábado a programación musical de Rois no Camiño das Letras co Concerto de Primavera. Nun auditorio municipal cheo ata a bandeira, o público puido gozar de pezas moi coñecidas e tamén tradicionais grazas ás interpretacións da orquestra de cordas, os combos ou o coro infantil.
A programación musical continuará o vindeiro venres, día 10, con Sementes de Rois. A música tradicional será a protagonista dunha tarde de convivencia no campo da festa de Rois que rematará cunha gran chocolatada. Participarán o OCT Chorima, Cantareiras das Amas de Casa de Rois, Repeniqueiras de Urdilde, Pandeireteiras de Ermedelo, a A.C. Rosalía de Castro de Padrón e a Escola de música e baile tradicional de Brión.
O xoves 16 celebrarse a gran verbena das festas do Santo Isidro coas orquestras La Fórmula e Charleston Big Band e o sábado 17 o Encontro de Corais xuntará no auditorio municipal a Coral Polifónica de Urdilde e a Val do Sar de Padrón.
As voces de Rois. Naturfest pechará o día 31 de maio o apartado musical deste programa, na Casa do Porto, coa posta en valor da tradición oral e unha homenaxe ás voces que fixeron e seguen facendo posible que este legado siga vivo.
Centros educativos
Dentro da iniciativa Alinguamos, o Concello inclúe na programación Rois no Camiño das Letras diversas iniciativas dirixidas ao alumnado do municipio. Nesta programación forman parte O método regueifeiro, de Lupe Gómez, (10 de maio); Combina, do mago Dani Polo (día 13), AS verbas de Luísa, de manuela Contacontos (día 14) e Palabras, de Baobab Teatro (xoves, 23).
Ciclismo, tenis e andainas
O XVII Premio Ciclista do Santo Isidro,Trofeo Suso Blanco Villar, que se celebra o sábado, día 11, pola mañá para as categorías cadete e júnior masculina e feminina, será a primeira actividades deportiva de Rois no Camiño das Letras.
Coincidindo coa celebración do Día das Letras, o 17 de maio, celebrarase unha nova edición da Andaina do Santo Isidro Letras Galegas, con saída ás 10.00 horas dende o polideportivo de Urdilde. Os 17 quilómetros de percorrido desta andaina estarán marcados por outros tantos protagonistas das Letras galegas. A inscrición (ata o 12 de maio) ten un custo de 5 euros para persoas adultas e fins solidarios. Todo o recadado doaranse integramente á asociación Asanog de apoio á cativada con cancro en Galicia.
A seguinte cita deportiva será o 25 de maio, coa celebración do Torneo infantil de Tenis a partir das 16.00 horas no polideportivo de Urdilde. O 1 de xuño, organizada polo Colectivo Remonte, celebrase a XVI Andaina por Parellas, con saída ás 17.00 horas dende o polideportivo dos Dices.
Documental, exposicións e certame literario
Por outra banda, o 24 de maio inaugurarase no edificio multiúsos de Rois a exposición fotográfica O artesán, as mans sabias, na que Toño Villar amosa o traballo de Xosé Tuñas. A inauguración será amenizada polo OCT Chorima.
Ao día seguinte, 25 de maio, no auditorio municipal, presentarase o documental Land art Seira. Arte e natureza. A nosa paisaxe como soporte e inspiración na que se recolle a iniciativa Land art Seira que cada ano organiza o artista Camilo Seira.
Durante o mes de maio tamén se poderá ver no multiúsos unha exposición sobre Luisa Villalta, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Por outra banda, ata o 30 de setembro poderán presentarse os traballos que concorran ao Certame Literario Lois Aldegunde de relato breve e poesía.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)