AD

Actualidad

Santiago inviste 330.000 € na reparación da cuberta do pavillón do CEIP Quiroga Palacios

today17 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

Míriam Louzao anunciou a aprobación por parte do executivo municipal da adxudicación á empresa Inside the Team das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios por unha cifra total de 337.396,58 euros.

A voceira detallou que este intervención arrancará o día despois de que remate o curso escolar e terá unha duración aproximada de dous meses e medio «coa intención de ocupar o mínimo de días do curso seguinte para así ter a menor incidencia no día a día das aulas e o funcionamento da escola».

A cuberta deste pavillón, cuxa pista que tamén é usada como patio de colexio, presenta unha serie de deficiencias relacionadas coas filtracións de auga pese a previas reparacións parciais. Ademais de solucionar este problema, Louzao detallou que con esta intervención tamén se mellorará o pavimento e os peches laterais da pista, así como as condicións de accesibilidade a este espazo a través da construción dunha rampla lateral que complemente á escaleira. «Seguimos así aproveitando cada obra que facemos para traballar nese obxectivo de conseguir a accesibilidade universal e de eliminar todas esas barreiras arquitectónicas existentes aínda a día de hoxe nalgúns dos edificios municipais», engadiu.

Ao longo deste curso tamén se abrirá unha porta de emerxencia no propio pavillón para aumentar a súa capacidade, no marco do plan de coordinación entre os Departamentos de Educación, Deportes e Obras para aumentar a capacidade de todos os pavillóns deportivos situados nas escolas.

Cruzamento Xeneral Pardiñas- República do Salvador

A voceira tamén deu conta da adxudicación do contrato para a execución das obras de mellora do cruzamento entre as rúas de Xeneral Pardiñas e de República do Salvador á UTE ‘Arines Obras y Proyectos SL e Success Infraestructuras e Servicios SA’  por un total de 61.352,59 euros e un prazo de execución de catro semanas.

Esta intervención ten como obxectivo o calmado de tráfico e a  priorización peonil neste punto, mediante a elevación da plataforma ata o nivel das beirarrúas que permitirá mellorar a accesibilidade nos itinerarios peonís e conseguir que as persoas que conducen extremen a precaución ante os/as viandantes. Ademais, tamén se renovará o alumeado e se reorganizará o mobiliario urbano.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde esta mañá á adxudicación do contrato das obras para a rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel á empresa MISTURAS OBRAS E PROXECTOS SA, por un importe total de 2.633.897,75 euros, un proxecto financiado con fondos Next Generation e cun prazo de execución de 8 meses. A concelleira deu conta que deste tema se dará conta nunha rolda de prensa específica.

O executivo local tamén adxudicou a Francisco Fernández Novás o contrato para o servizo de dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das obras de adecuación do Pazo de Raxoi,  por un importe total 53.240 euros. A concelleira avanzou que nos próximos días adxudicarase tamén o proxecto desta actuación para poder comenzala «canto antes».

Outros contratos

Esta mañá tamén se acordou a adxudicación do contrato das obras para a reforma do Centro de Transformación de compañía na rúa Codeseira de Vidán a Montajes Eléctricos Vizcaíno SL por 78.590,95 euros, e o contrato do servizo de vixilancia do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro á empresa Servicios SPR Vilanova SL por 196.105,26 euros cunha duración de dous anos.

Convocatoria Premio Xohana Torres 2025

Ademais, coa aprobación das súas bases polo exectivo municipal, o Concello abre desde hoxe o prazo de presentación de obras para a edición 2025 do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creacións audiovisuais sobre as mulleres na sociedade galega. O prazo permanecerá aberto ata o 30 de decembro de 2025 ás 14 horas.

A esta nova convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poden ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas.

Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, estarán dotados con 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC. O fallo do premio da edición de 2025, farase público no mes de marzo de 2026 con motivo dos actos conmemorativos do 8 de
marzo.

Outros asuntos 

O executivo municipal tamén deu luz verde ao inicio dos trámites para recepcionar as obras do proxecto ‘Centro Integral para a inclusión social” CIPIS e ao expediente de contratación do servizo de deseño e elaboración dun plan de comunicación e sensibilización para o proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, que permitirá lanzar un procedemento aberto de adxudicación por 115.914,34 euros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *