Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 marzo, 2026
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu este martes a VIII Gala do Deporte, na que participaron distintos representantes da Corporación Municipal. Cos Premios Santiago Deporte, o Concello recoñece os e as deportistas máis destacadas da temporada 2024/25 en doce categorías, ás que se suman dous recoñecementos especiais.
Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago detívose especialmente na figura de Emilio Navaza. Destacou como ao longo da súa carreira profesional contribuíu a contar as historias do noso deporte, a dar voz aos protagonistas e achegar as competicións a todo o mundo. Por iso, enfatizou, o seu traballo forma parte da memoria deportiva do noso país.
Goretti Sanmartín, que adicou palabras de felicitación para todas as persoas e entidades premiadas, quixo facer especial fincapé nas figuras de Chuco Barreiro e Maruxa Barral, que recibiron o premio honorífico á traxectoria. Ambos os dous, sinalou, desempeñaron tarefas fundamentais como utilleiro e lavandeira da SD Compostela, un traballo silencioso e constante, ao tempo que esencial para o funcionamento do clube. Exemplo, engadiu, desa parte invisible que poucas veces ocupa os titulares mais que resulta absolutamente imprescindible.
A rexedora puxo o foco nos valores de «compañeirismo, respecto, disciplina e capacidade de se volver erguer» que transmite do deporte, que reivindicou coma espazo de «benestar e convivencia». E transmitiu os seus parabéns a todas as persoas premiadas, así como a todas aquelas outras que forman parte do deporte compostelán.
«Hoxe quedou demostrado que o deporte non é só competir, é tamén erguerse, o primeiro equipo, unha amizade, a emocicón da grada. O deporte fai comunidsde, ningún éxito se constrúe en solitario», afirmou Sanmartín.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, abriu a gala, que conducir on Lorena Pose e Federico Pérez. Na súa intervención, Lueiro encheu de “orgullo e agradecemento” a mochila que, simbólicamente, preparou para esta gala deportiva que contou cunha actuación de Break Inclán, un grupo de mozos e mozas de Santiago dedicados ao break dance cuxos inicios se remontan ás galerías dos antigos cines Valle-Inclán.
A responsable municipal de Deportes escolleu as palabras agradecemento, recoñecemento, orgullo, memoria, traballo, sacrificio, parabéns e alegría para vertebrar o seu discurso, dirixido aos e ás deportistas da cidade, a quen fixo tamén un convite: «Ficha polo galego!»
Persoas premiadas
Deportista feminina de categoría base: as irmás Debris e Demeku Paniagua.
Deportista masculino de categoría base: Cosme González.
Deportista feminina: Blanca Millán.
Deportista masculino: Guillermo Carracedo.
Adestrador/a máis destacado/a: Santi Valladares.
Entidade deportiva máis destacada: Club Waterpolo Santiago.
Adestrador/a xuíz/a máis destacado/a: María José Barbazán.
Patrocinio deportivo: Ferrecal.
Actividade ou acción social: Andaina de Duchenne e Becker, Juanma Mata e Samuel Mata.
Deporte adaptado/inclusivo: Marcelo Lusardi.
Entidade educativa: Colexio Peleteiro.
Honorífico á taxectoria: Chuco Barreiro e Maruxa Barral.
Mencións especiais: Emilio Navaza a título póstumo e Luís Penido Rally Team.
Traxectorias
Demeku Paniagua e Debris Paniagua lograron prata e bronce no Campionato de España de Campo a Través e convertéronse nas primeiras xemelgas españolas en competir nun Mundial de Cross, onde foron as mellores do equipo estatal, rematando nos postos 28 e 37 na categoría sub20 con só 17 anos. Ademais, Debris conseguiu o bronce nos 2000 obstáculos no Festival Olímpico da Xuventude Europeo, mentres que Demeku foi bronce nos 2000 obstáculos no Campionato Ibero Sub-18. Ambas completaron a tempada asinando o primeiro e segundo posto na Carreira Pedestre Popular de Santiago.
O ximnasta compostelán Cosme González asinou unha tempada brillante ao proclamarse campión de España individual na categoría xuvenil no Campionato de España de Ximnasia Rítmica 2025.. A súa medalla de ouro confirma a súa progresión dentro do panorama nacional, consolidándose como unha das promesas máis destacadas da ximnasia rítmica galega
A xogadora de baloncesto Blanca Millán destacou na Liga Femenina (LF Endesa) na posición de escolta. Formouse nos Estados Unidos, xogando na Universidade de Maine entre 2016 e 2021, onde foi dúas veces mellor xogadora da conferencia America East e dúas veces mellor xogadora defensiva, sendo a única muller en logralo dúas veces en cada premio. Tras a súa etapa universitaria, regresou a España para fichar polo Baxi Ferrol, co que na temporada pasada logrou clasificarse para a EuroCup, rematando subcampioa do torneo.
Guillermo Carracedo é un destacado surfista especializado en SUP Olas e paddle surf. Foi campión de España de SUP Olas 2025 na categoría open en Malpica de Bergantiños (A Coruña) e representou a España no ISA World SUP & Paddleboard Championship 2025 en El Salvador, conseguindo o 13º posto individual. Ademais, foi campión de Europa absoluto de paddle surf en 2022, varias veces campión de España e subcampión do mundo coa selección española, consolidándose como unha das grandes figuras do paddle surf galego e internacional.
Club Waterpolo Santiago é unha entidade deportiva fundada en Santiago o 1 de xaneiro de 2004, dedicada á práctica, promoción e formación no waterpolo. Está inscrito na Federación Galega de Natación e nos rexistros deportivos locais. O club destacou pola súa aposta pola formación de base e a participación en competicións autonómicas, acadando resultados relevantes en todas as categorías. Na tempada 2024-25 gañou en todas as súas categorías: na categoría absoluta foi subcampión da Supercopa masculina, no alevín mixto campión de triplete, e na liga benxamín mixta tamén se proclamou campioa, consolidando o liderado compostelán nas categorías menores.
Santi Valladares é un referente do fútbol sala galego. Foi o primeiro internacional galego como xogador nesta modalidade e, como adestrador en 2025, conquistou a Copa de España co Peñíscola, consolidando a súa traxectoria tanto na carreira deportiva como no liderado técnico.
María José Barbazán achegouse ao atletismo tras regresar a Galicia desde Francia en idade adolescente. Tras a súa etapa como atleta, dedicouse á xudicación, percorrendo competicións por toda Galicia, e converteuse na primeira muller delegada do Colexio de Xuíces en Santiago, destacando pola súa contribución á dirección e regulación do atletismo na cidade.
Ferrecal é patrocinador principal do Triatlón Compostela e colaborador de varios clubs da contorna galega, como Club Triatlón Compostela, Monbus Obradoiro, SD Compostela, Club Vía Láctea, Amio Sociedade Deportiva e outros. Ademais, apoia ao CD Boiro e ao Club Vía Láctea, entidade de senderismo e marcha nórdica empadroada en Santiago de Compostela, contribuíndo á promoción do deporte local e de base.
A Andaina Solidaria en favor da investigación Duchenne e Becker está promovida por Juanma Mata e o seu fillo Samuel, que traballan cada ano por dar visibilidade á enfermidade. Con Samuel afectado polo Síndrome de Duchenne, participan en competicións como a Carreira Pedestre de Santiago e varias probas do CorreSan, e organizan no Monte do Gozo unha carreira solidaria cuxos fondos se destinan á investigación de enfermidades raras, combinando deporte e acción social.
Marcelo Lusardi é skater compostelán de orixe arxentina, que comezou a practicar skate aos 11 anos e perdeu a visión aos 18 por neuropatía óptica de Leber. A pesar diso, continúa destacando no seu deporte e en 2025 repetiu como embaixador da competición de skate adaptado do Marisquiño. Ademais, ten importante presenza en redes sociais baixo os nomes @elskaterciego e @the_blind_rider, promovendo o skate adaptado e inspirando á comunidade.
O Colexio Peleteiro ofrece unha oferta deportiva diversificada con instalacións propias, incluíndo campo de fútbol, pavillón e piscina. Participa varios anos nas fases finais do Campionato de España de Baloncesto, en colaboración co Obradoiro, e destaca en múltiples disciplinas.
Chuco Barreiro foi utillero da SD Compostela durante máis de trinta anos, acompañando ao club desde categorías rexionais ata a Segunda e Primeira División, traballando no manexo do material, vestiarios e desprazamentos, e identificándose profundamente coa entidade. A súa muller Maruxa Barreiro incorporouse despois para encargarse das tarefas de lavado e coidado da roupa e o material cando o equipo medrou, contribuíndo xunto a el ao funcionamento diario e á memoria vivida da SD Compostela.
Emilio Navaza, de Santiago de Compostela, foi un destacado periodista deportivo vinculado a El Correo Gallego. Recientemente falecido, Navaza deixou unha importante pegada no ámbito da información deportiva galega, sendo recoñecido pola súa dedicación e rigor profesional.
Luis Penido proclamouse Campión de Europa de Montaña na categoría Grupo 5, no FIA European Hillclimb Championship 2025 tras unha tempada excelente co seu Renault Clio. Nas 10 probas do campeonato nas que participou, Penido subeu ao podio en todas elas. Recoñecido como Deportista de Alto Nivel polo Consello Superior de Deportes.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)