AD

Destacado

Santiago presenta outras Festas da Ascensión sen grandes nomes nacionais e internacionais

today13 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

A concelleira de Festas de Santiago, Pilar Lueiro, presentou este martes no Pazo de Raxoi o programa completo das Festas da Ascensión 2025, que se celebrarán do 28 de maio ao 1 de xuño. A programación promete “actividades para todos os públicos”, con especial atención á música tradicional galega, á memoria histórica da festa e á participación veciñal. Non obstante, un ano máis, a capital galega volve destacar pola ausencia de grandes nomes do panorama musical nacional e internacional, como si acontece noutras festas de concellos da contorna compostelá.

A imaxe desta edición, da autoría da ilustradora Rosa de Cabanas, rende homenaxe á orixe da festa a través dunha fotografía histórica da feira de gando na Carballeira de Santa Susana (1919), onde aparecen varias mozas “termando do gando”, transformadas no cartel en protagonistas contemporáneas, vestidas con roupa actual e portando pandeiretas. “É unha homenaxe ás mulleres e ao mundo rural, que se achega de novo á cidade”, explicou Lueiro, sinalando que o cartel tamén conecta coa celebración das Letras Galegas.

Aposta pola cultura galega… sen grandes reclamos externos

A programación mantén a aposta pola música en galego e polas agrupacións locais: concertos de Tanxugueiras, Ailá, Guadi Galego, a Banda Municipal, Queralt Lahoz e iniciativas como o Composfest, a Romaría das Flores, os Cantos de Taberna, ou as tradicionais alboradas e ruadas. Non faltan tampouco os eventos máis populares como o concurso cabalar, o torneo da chave ou os cabezudos.

O cartel musical, aínda que notable na súa aposta pola identidade galega, dista de ofrecer artistas recoñecidos a nivel estatal ou internacional, coma si fan nestas datas localidades veciñas como Padrón, Noia, Ames ou Arzúa, que nos últimos anos lograron atraer figuras do pop, o indie ou a música urbana que mobilizan públicos máis amplos.

Programa por días

  • Mércores 28: apertura co Santiago 40 Pop e Depol na Quintana.

  • Xoves 29 (día grande): alboradas, concerto da Banda Municipal con Ultreia, feira cabalar e actuación de Tanxugueiras como prato forte.

  • Venres 30: celebración do Composfest e o XLVIII Torneo da Chave.

  • Sábado 31: Festa dos Maiores, escolas de baile, exposición de vehículos e concerto de Queralt Lahoz.

  • Domingo 1: Carreira da Ascensión, circo na praza de Mazarelos e concerto de peche con Guadi Galego.

Tamén se manterán os espazos de inclusión, coma os horarios sen ruído (23 e 31 de maio, e 1 de xuño) e o Punto Lila, que funcionará na Alameda do 28 ao 31 de maio.

Faltan cabeceiras de cartel que sitúen a cidade no mapa musical

A pesar dunha programación sólida e coherente coa identidade local, e do esforzo por integrar tradición, igualdade e diversidade, continúa a sensación entre parte da veciñanza e visitantes de que Compostela perde tirón fronte a outras cidades da área metropolitana que si apostan por figuras de primeiro nivel no ámbito musical.

Santiago conserva o seu carácter, pero queda, unha vez máis, fóra do circuíto de grandes concertos que atraen público doutras partes de Galicia e mesmo do Estado. Un debate aberto entre manter a esencia e actualizar o modelo festivo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *