AD

Actualidad

Santiago reorganiza as liñas de bus ao aeroporto e habilita un servizo directo desde a intermodal

today15 mayo, 2024

Background
share close
AD

15/05/2024 O Concello reorganizará a partir do próximo 24 de maio o servizo de autobús ao aeroporto para atender o incremento de demanda derivado do inicio da tempada alta na terminal Rosalía de Castro sen prexudicar á veciñanza que é usuaria do transporte público. Para iso, desdobrarase a actual liña 6A, de maneira que terá servizos directo ao aeroporto desde a estación intermodal e sen paradas a través da autovía, e outros que manterán as actuais paradas do treito urbano. Ao tempo, manterase sen cambios a actual liña 6.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, deu conta da reconfiguración do servizo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera. O edil explicou que «as liñas que chegan ao aeroporto volven estar moi tensionadas, con moitas expedicións nas que os autobuses completan a súa capacidade provocando prexuízos aos veciños e veciñas». Segundo apuntou, «nas últimas semanas esta situación estase a producir nunha media de 6 servizos diarios, que soben ata 10 os sábados e ata 8 os domingos». Xan Duro apuntou que «nalgúns casos os autobuses completan o número de prazas dispoñibles xa nas primeiras paradas, de maneira que algunhas usuarias que agardan nas súas paradas non teñen opción a utilizar o servizo cos conseguintes prexuízos para a súa vida cotiá e a perda de fiabilidade no servizo». Esta situación, lembrou, «vense repetindo desde finais de 2020, cando o Concello tivo que asumir a liña unha vez que a Xunta deixou de prestar o servizo da conexión ao aeroporto, e estase vendo agravada nas últimas semanas polo incremento de actividade no aeroporto Rosalía de Castro». Entre xaneiro e abril, o servizo de bus ao aeroporto foi utilizado por máis de 100.000 usuarios e usuarias, fronte aos 86.000 do mesmo período de 2023.

Reestruturación do servizo

Co obxectivo de mellorar a atención aos veciños e veciñas vaise desdobrar a liña 6A, de maneira que realice servizos directos entre a intermodal e o aeroporto Rosalía de Castro, cun percorrido sen paradas intermedias que fuxirá do centro urbano e que discorrerá unicamente por vías de alta capacidade. O obxectivo é «que os usuarios e usuarias da terminal de Lavacolla utilicen este servizo, descargando a presión sobre a liña que lle debe dar servizo á veciñanza».

Ao tempo, manteránse servizos que atravese o ámbito urbano, dándolle servizo aos núcleos rurais de San Marcos e Lavacolla e respectando as actuais paradas, isto é: estación intermodal (rúa do Hórreo), Hórreo, Virxe da Cerca, San Roque, Pastoriza, Avenida de Rodríguez de Viguri, San Lázaro, San Marcos e Lavacolla, para finalizar no aeroporto. Para optimizar o servizo e evitar sobrecargas, as paradas desde a intermodal ata San Marcos, en dirección Lavacolla, serán só para recoller usuarios e usuarias, mentres que no traxecto inverso, as paradas desde San Marcos ata o Hórreo serán exclusivamente para deixar viaxeiros e viaxeiras. Desta maneira, tal e como explicou o xerente de Tussa, «preténdese que as persoas que só queiran desprazarse pola trama urbana utilicen a liña 6 pero non a 6A, garantindo que estes autobuses cheguen con prazas dispoñibles a San Marcos e Lavacolla». Cando se poña en marcha este sistema, o próximo día 24, deixarase un periodo de adaptación de 15 días, para informar á veciñanza do funcionamento.

Frecuencias

A reorganización do servizo implicará modificacións nas frecuencias. De luns a venres, tanto os buses que realicen a liña de maneira directa como os que fagan paradas na trama urbana terán unha frecuencia de 40 minutos, se ben está previsto que saian de maneira alterna de maneira que a frecuencia da liña 6A será de 20 minutos. Nos sábados, domingos e festivos, o servizo directo entre a intermodal e Lavacolla terá unha frecuencia de 60 minutos; mentres que o servizo con paradas terá frecuencias de 20 e 40 minutos. Na práctica, iso supón que a frecuencia da liña 6A será de 20 minutos, fronte aos 30 minutos da actualidade. As tarifas mantéñense tal e como están establecidas para o conxunto da rede do transporte urbano.

Xan Duro e José Ramón Mosquera explicaron que nas próximas semanas realizaráse «un traballo de comunicación para dar conta destas modificacións». Así, distribuiranse folletos informativos, daráse conta da reestruturación nas paradas, e tamén se informará ao sector hostaleiro, para que poida informar adecuadamente á súa clientela.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%