AD

Actualidad

«Se Altri cumpre con toda a normativa medioambiental, o proxecto sairá adiante»

today3 mayo, 2024

Background
share close
AD

No día mundial da liberdade de prensa, a secretaria xeral do PPdG, Paula Prado defendeu este venres nos micrófonos de Radio Líder Santiago o papel dos medios de comunicación nunha España que, asegura, «vive tempos convulsos polas pataletas de Sánchez». Explica que ter uns medios libres «é fundamental en calquera democracia, tanto se son públicos como privados» xa que «hai que deixar que os profesionais teñan o seu criterio profesional, guste máis ou menos aos políticos».

Duplicar a vivenda pública, prioridade nos primeiros 100 días de goberno da Xunta

Sobre o novo equipo conformado por Alfonso Rueda á fronte do goberno da Xunta de Galicia, a líder do PP de Galicia presume da renovación xeracional misturado coa experiencia, algo que fai que o PP esté «forte», a proba está nos resutados do pasado 18 de febreiro. Por diante está o poñer en macha as 800 medidas que os populares galegos levaban no seu programa electoral. Entre esas prioridades destaca a de duplicar a construcción da vivenda pública algo que, confesa, se aprobará nos 100 primeiros días de goberno. Paula Prado lembra que o PP ten equipos locais nos 313 concellos galegos, é por iso que o partido, a nivel orgánico, precisa dun liderado a tempo completo, polo que declinou calquera ofrecemento para formar parte do novo goberno autonómico.

Álvaro Veiga e Paula Prado nos estudios de Radio Líder Santiago

«Galicia ten a mellor sanidade de España e do mundo»

A Asociación de pacientes e usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) ven dende hai tempo denunciando os colapsos na área de Urxencias e as longas listas de espera para unha cita ou intervención cirúrxica. Unhas críticas as que tamén se suma o BNG. Os nacionalistas advirten da “dramática” situación que sofren os pacientes oncolóxicos da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, dada a acumulación de “meses de atraso” nas súas citas de revisión, contrarias a calquera criterio clínico ou sanitario e que teñen repercusións sobre a súa saúde, tal e como denuncian as propias doentes, que mesmo acudiron á Valedoría do Pobo “ante o desleixo da xerencia da área sanitaria e do Sergas”. Prado asegura que o BNG o que debería facer é ter menos «sensacionalismo» con esas cuestións, xa que «pode haber algún caso puntual, pero en termos xerais a xente está atendida, e sobre todo en caso de patoloxías graves». A líder dos populares galegos lamenta que o BNG faga política con cousas «tan sensibles».

Neste punto Paula Prado afirma categoricamente que «a sanidade publica galega é unha das mellores de España e do mundo, xa que hai datos que así o acreditan». Explica que Galicia ten unha poboación embellecida que precisa de máis coidados, «non somos capaces de formar a tantos médicos como os que precisamos», como se viu nas prazas MIR, «polo que se producen problemas nas lista de agarda». Insiste en que cando unha persoa ten problemas urxentes de saúde, ese paciente entra pola vía rápida de atención, «que funciona a perfección», xa que «en quince días xa se lle fan todas as probas e está totalmente atendida». Apunta que dende a Xunta de Galicia a sanidade é unha prioridade aínda que, recoñece, «todo é mellorable» ao marxe de novos nomeamentos, en alusión a posibilidade dun cambio da xerencia do CHUS que plantexou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Aparcadoiro do CHUS e os cartos pola capitalidade para Santiago

Outro dos asuntos que se abordaron na entrevista foi o principio de acordo entre a Xunta e o Concello de Santiago para poñer en marcha o tan necesario aparcadoiro do CHUS. Nas próximas semanas ambas administracións pecharán o protocolo marco de colaboración no que se concretará a contratación da redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) para a ordenación do ámbito e do proxecto para o novo aparcadoiro.

Sobre o financiamento, ambas as partes acordaron valorar a achega dun 80% por parte da Xunta e dun 20% por parte do Concello. O compromiso da Administración autonómica inclúe tamén a confinanciación das actuacións de saneamento e abastecemento municipal, cunha achega de 3,5 millóns de euros.

Sobre este asunto, Prado lémbralle ao goberno do BNG en Santiago que non pense que con esta actuación se soluciona o problema da mobilidade na cidade, «terán que poñerse as pilas e elaborar un plan serio».

Sobre os 2,8 millóns de euros que Santiago recibe da Xunta por ser a capital galega, a popular asegura que é unha «cantidade suficiente se está ben xestionada», e confesa que unha boa parte desa partida queda sen executarse por parte do goberno compostelán, por iso sorpréndelle que Goretti Sanmartín reclame cinco millóns de euros máis cando non da gastado 2,8.

Veiga e Prado posando tras a entrevista na radio local de Compostela e comarca

«Quen fixo da política un barrizal foi Podemos e o Partido Socialista»

Paula Prado non dubidou en criticar a utilización de Begoña Gómez por parte de Pedro Sánchez para fins políticos, xa que «pretendendo protexela o que fixo foi utilizala». «Eu como muller non consentiría que o meu marido ou parella fixera iso conmigo. Os cidadáns son máis listos do que pensa Pedro Sánchez e a xente douse conta desa maniobra política que fixo intentando victimizarse ante a sociedade» e engade que «quen fixo da política un barrizal foi Podemos e o Partido Socialista». A Prado chámalle a atención que o presidente Sánchez fale nun mitin na campaña electoral catalá sobre a «maquina do fango», como o facía Pablo Iglesias, e remate o acto con berros de «Sí se puede».

«O BNG manipula á cidadanía con información de Altri que non é certa»

Xa na recta final, a secretaria xeral do PP en Galicia defendeu o proxecto da macrocelulosa Altri, que pretende ubicarse no concello lucense de Palas de Rei, sempre e cando cumpra con toda a esixente normativa medioambiental de Galicia e Europa. Lembra que dende o ano 2020, todos os grupos políticos querían colgarse a medalla de traer a Altri para Galicia por xerar 2.500 postos de traballo nunha zona onde se perde poboación. «O que pasou para que os partidos da esquerda mudaran o seu plantexamento é que o 18 de febreiro perderon as eleccións», afirma. «Os informes están feitos polos técnicos non polos políticos, o proxecto de Altri sairá adiante se cumpre coa normativa medioambiental, xa que é unha oportunidade para Galicia», explica, poñendo en dúbida que un proxecto de 8.500 folios con documentos técnicos complexos de analizar, os nacionalistas o lesen en 15 días anunciando que é unha bomba para o medioambiente. «Ese é o intento do BNG de manipular á cidadanía con información que non é certa, din que contamina a auga e a terra, pero que creen, que o PP, o goberno da Xunta de Galicia, os técnicos, os funcionarios, os profesionais, todos os biólogos e químicos de Augas de Galicia, os traballadores de Patrimonio Natural de Galicia queren contaminar Galicia e matar aos galegos e galegas, e moi pouco seria a postura do BNG, co seguidismo do PSdeG», conclíu.

A entrevista completa no seguinte enlace.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%