Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 marzo, 2026
O secretario xeral dos socialistas composteláns e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, fixo balance dos seus primeiros catro meses na Cámara autonómica cunha mensaxe clara: a prioridade é a sanidade pública e, máis concretamente, o colapso das urxencias e da Atención Primaria en Santiago. Nunha entrevista de amplo percorrido pola actualidade local e galega, Bouza reivindicou o papel “útil” da política e situou ao PSdeG como alternativa “seria e gañadora” fronte ao goberno municipal de Goretti Sanmartín.
“O urxente dentro do urxente son as urxencias”, resumiu, nun xogo de palabras que empregou para subliñar que a saturación hospitalaria está directamente ligada á falla de planificación da Xunta. O tamén parlamentario reclamou que se garanta por lei que calquera paciente sexa atendido polo seu médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas e insistiu en que a situación actual non é “puntual”, senón estrutural.
Bouza foi especialmente crítico coa xestión sanitaria do Goberno galego, ao que acusou de falta de previsión e medios. “Non é demagoxia. É unha realidade. Hai que achegarse alí e ver a xente tirada polos corredores por culpa da falta de planificación”, afirmou, en referencia ao colapso rexistrado tanto no verán como nas últimas semanas.
Segundo explicou, o PSdeG presentou iniciativas no Parlamento para fixar por lei o prazo máximo de 48 horas na Atención Primaria. “Non porque os médicos non queiran atender, senón porque o colapso que existe non o permite”, sinalou. Para Bouza, esixir responsabilidades políticas é coherente coa defensa dun sistema público forte: “Temos que facer útil o noso cargo para cambiar a vida da xente”.
Tamén puxo o foco no problema do aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), cualificándoo como un colapso engadido á situación asistencial. “Primeiro é a saúde, pero non podemos perder a saúde pola circunstancia que rodea o complexo”, advertiu, reclamando acordos entre administracións e medidas provisionais mentres non se execute a ampliación definitiva.
No eido local, Bouza debuxou un panorama moi crítico coa xestión de Goretti Sanmartín á fronte do Executivo municipal. “Só hai que saír á rúa para ver en que estado está a cidade”, asegurou, enumerando problemas como o transporte público, a limpeza ou o mantemento viario. “Moito anuncio e moita propaganda, pero cando hai que gobernar din que a culpa é doutros”, resumiu.
O líder socialista defendeu a posición do seu grupo como “oposición construtiva”, apoiando cuestións beneficiosas para a cidadanía e presentando máis de setenta propostas aos orzamentos municipais. Criticou, con todo, que o investimento previsto —cinco millóns de euros— sexa insuficiente para a capital galega.
En materia de vivenda, lamentou que Santiago non estea declarada zona tensionada e preguntouse por que non se impulsa un banco público que mobilice os máis de seis mil pisos baleiros existentes na cidade. “É facer política integral, non a golpe de ocorrencia”, afirmou.
Un dos debates clave é o do modelo de xestión do contrato da auga. Bouza avanzaba que o PSdeG mantería a súa postura, apostando polo modelo que considera viable tras analizar informes técnicos. “Non queremos un debate falso. Queremos un sistema que acometa as obras necesarias no rural e na cidade”, indicou.
Ao mesmo tempo, marcou distancias co Partido Popular e co seu presidente local, Borja Verea. “Non somos o mesmo nin sequera na oposición”, subliñou, acusando aos populares de incoherencia por votar en contra de iniciativas no Parlamento galego que logo defenden en Santiago.
Preguntado pola posibilidade de encabezar a candidatura socialista á Alcaldía, Bouza evitou confirmacións, pero tampouco se descartou. “Toda a militancia pode presentarse. Eu incluído”, sinalou, deixando claro que non hai proceso aberto aínda e que a decisión dependerá do que sexa mellor para o partido e para a cidade.
“Se a mellor persoa son eu, darei o paso; se é outra compañeira ou compañeiro, nunca vou ser un problema”, afirmou. Tamén valorou positivamente que haxa outros nomes sobre a mesa, como o do delegado do Goberno, Pedro Blanco, defendendo que o importante é o proxecto colectivo. “Non nos presentamos para darlle a Alcaldía a outra persoa, senón para recuperar a Alcaldía cun proxecto gañador”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)