Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 septiembre, 2025
Acadar unha vivenda accesible en condicións adecuadas para todas as persoas é un dos principais obxectivos para o BNG de Ames. Ese interese levou aos nacionalistas a organizar este sábado 27 unha xornada sobre vivenda no Milladoiro na que expertos e asistentes debateron sobre a situación actual e o modelo de futuro.
Ames, 29 de setembro de 2025. A xornada contou coa participación de María José Piñeira Mantiñán, docente e investigadora do IDEGA; Carlos Alberto García Novio, avogado especialista en Urbanismo; Iago Lestegás Tizón concelleiro de urbanismo, vivenda e cidade histórica de Santiago de Compostela; José Antonio Abelenda Vila, secretario da Plataforma Sol Naciente e Escarlata Pampín López, voceira municipal do BNG de Ames. Celebrada na Casa da Cultura do Milladoiro, e moderada por Manel Pardo, na xuntanza tratáronse diversos aspectos relacionados con esta grave problemática, como a vivenda baleira, a falta de parque público de vivendas, o uso de vivendas turísticas e as dificultades que ten a xente moza e a xente traballadora para acceder a un fogar digno.
Explicouse que xa pasaron 18 anos dende a burbulla inmobiliaria e a problemática da vivenda non se arranxou, só mudou, agora a presión e a especulación trasladouse do mercado de compra-venta ao mercado de alugueiro.
Púxose tamén de manifesto que os barrios e lugares como o Milladoiro foron os espazos máis abandonados polas administración e que se debería tratar de evitar precisamente as estigmatizacións. facendo alí actividades, eventos,para que se perda esa visión.
Hai que intervir sobre o espazo público, porque o construído é o que é, pero no viario público, nas rúas nas prazas, si que é posible facer intervencións: reducir carrís, ampliar as beirarrúas, dar máis prioridade ao peón,introducir máis verde. Unha rúa pode cambiar moito cos mesmos edificios, se lle das outro deseño, pos outro mobiliario, outros pavimentos e sobre todo con vexetación.
Dende o BNG de Ames consideran que solucionar o problema habitacional pasa por recoñecer que este é un dos principais problemas do país. “Seguiremos traballando firmemente, en Ames e en todo o país, sendo conscientes de que hoxe vivimos unha das peores crises de acceso á vivenda, convertida ademais no maior mecanismo de desigualdade social porque aumenta a brecha entre as persoas que menos teñen e as que dispoñen de máis patrimonio. Queremos un fogar digno para tódolos galegos e galegas”, conclúe a voceira do BNG de Ames Escarlata Pampín.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)