Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 enero, 2025
A cita celebrouse esta tarde no auditorio municipal Constante Liste, diante de case 200 persoas, entre as que se atopaban autoridades como o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos
Os galardoados foron o futbolista do R.C. Deportivo da Coruña, David Mella; a karateka, Ruth Lorenzo; o exciclista, Ezequiel Mosquera; o Club San Francisco Teo; o socio fundador do Club Ciclista Luou-Teo, Manuel Tallón; o Club de Patinaxe Artística Teo e, a título póstumo, a Florencio Buján
A alcaldesa puxo en valor o labor que realizan os clubs na formación dos deportistas, inculcando valores esenciais como o respecto, a responsabilidade, o compromiso e a dedicación
Teo (A Coruña), 3 de xaneiro de 2025.- O Concello de Teo celebrou esta tarde a súa I Gala do Deporte, onde puxo en valor o traballo e esforzo de deportistas e clubs locais. A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, presidiu o acto acompañada, entre outras autoridades, do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. O conductor da gala foi o exfutbolista, Luisito Míguez.
Así, os galardoados nesta primeira edición foron o futbolista do R.C. Deportivo da Coruña, David Mella; a karateka, Ruth Lorenzo; o exciclista, Ezequiel Mosquera; o Club San Francisco Teo; o socio fundador do Club Ciclista Luou-Teo, Manuel Tallón; o Club de Patinaxe Artística Teo e, a título póstumo, a Florencio Buján, un dos integrantes do primeiro equipo da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo.
Nunha gala onde a emoción estivo presente durante todo o evento, a alcaldesa teense destacou dos premiados a súa paixón polo deporte, tanto de forma colectiva como individual. “Unha paixón moi presente en Teo, con máis de 2.000 deportistas federados”.
Neste senso, Calvo de la Uz puxo en valor o traballo que realizan os clubs na formación dos deportistas, inculcando valores esenciais como o respecto, a responsabilidade, o compromiso e a dedicación. Agradeceu tamén o traballo realizado por persoas que sentían un forte vínculo cos seus clubs e o espírito de superación doutros. “Logros e méritos que fan que estes premiados esten hoxe aquí e formen parte da historia do deporte de Teo”, matizou a alcaldesa.
Durante a súa intervención, a rexedora municipal sinalou que esta é a primeira de moitas galas, posto que “en Teo hai moito talento do que presumir”. De feito, o Goberno local ten moi claro que é preciso seguir apoiando o deporte, unha forma de vida saudable que conxuga valores esenciais entre a sociedade e o cal permite “establecer relacións sociais entre diferentes persoas e diferentes culturas, contribuíndo a inculcar a noción de respecto cara os outros, ensinando como competir construtivamente, sen facer do antagonismo un fin en sí”, puntualizou Lucía Calvo de la Uz.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)