AD

Comarca

Teo volverá premiar o esforzo e traballo de deportistas e clubs locais na II Gala do Deporte Teense

today26 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Nesta cita potenciarase o deporte en xeral e o local en particular, visibilizando disciplinas menos coñecidas pero de igual importancia que acadan grandes éxitos a nivel nacional e internacional
  • Os premiados desta II Gala son o referente no billar teense, Álvaro Lama-Pereira Lage; o equipo sénior feminino do Club Galogrín de baloncesto; o club de aeromodelismo Estela; o veciño Manuel Lueiro pola súa forte vinculación á SD Cacheiras; e o xornalista deportivo Terio Carrera

Teo (A Coruña), 26 de xaneiro de 2026.- O Concello de Teo celebrará este venres, 30 de xaneiro, a súa II Gala do Deporte Teense, onde volverá a premiar o traballo e o esforzo de deportistas, clubs locais e persoas vinculadas ao mundo do deporte.

Desta forma, o Concello busca poñer en valor o deporte local teense, que conta na actualidade con máis de 2.000 fichas de deportistas federados nunha vintena de clubs do concello. Así mesmo, tamén se quere agradecer o traballo incansable de entidades deportivas e persoas vinculadas ao deporte que fomentan unha competividade baseada no respecto entre xogadores e transmiten valores esenciais para a vida como o traballo en equipo, o respecto, a disciplina e a superación persoal.

Así, este ano premiarase como mellor promesa do Concello a Álvaro Lama-Pereira Lage, un referente no billar teense. Este mozo foi dobre campión de España sub-19 no ano 2022, quinto clasificado no Campionato de Europa sub-19 en 2024 e campión de España absoluto de seleccións autonómicas con Galicia en 2025. Tamén acadou a medalla de bronce no Campionato de España Absoluto nese mesmo ano.

Como mellor equipo do concello, este ano o premio recae no equipo sénior feminino do Club Galogrín de baloncesto. Creado en plena pandemia, acadou dous ascensos consecutivos e proclamáronse subcampionas galegas na tempada 2021/2022, consolidándose na máxima categoría autonómica e competindo en varias fases de ascenso a categoría nacional. Sitúanse entre os equipos máis fortes de Galicia e son un referente para o deporte base feminino.

Tamén se premiará ao Club de Aeromodelismo Estela pola súa traxectoria, con máis de tres décadas de historia. Naceu a partir dun curso impulsado polo Concello de Teo no ano 1989 e a día de hoxe conta cun local social e taller, ademais de desenvolver unha escola autorizada de aeromodelismo que aposta fortemente pola formación e a continuidade da disciplina.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *