AD

Actualidad

Terio Carrera, pregoeiro da Pascua 2026 en Padrón

today17 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O recoñecido xornalista deportivo dará o pregón o 4 de abril nun ano clave para o ciclismo na vila
  • A cita equina desenvolverase no Campo da Barca a partir das 10.00 horas co espectáculo ‘El hechizo de la Rosa’ como un dos grandes atractivos

Padrón. 17-3-2026.- O Concello de Padrón deu a coñecer hoxe dous dos principais atractivos das Festas da Pascua 2026: o nome do pregoeiro e os detalles da tradicional Feira Cabalar, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo galego.

O xornalista deportivo Terio Carrera será o encargado de pronunciar o pregón oficial, que terá lugar o vindeiro 4 de abril, ás 21.00 horas, na Praza de Macías. A súa designación enmárcase nun ano de especial relevancia para o municipio no ámbito deportivo, no que Padrón acolle catro eventos ciclistas de primeiro nivel, consolidándose como a capital galega do ciclismo.

Con máis de corenta anos de traxectoria, Terio Carrera desenvolveu a súa carreira fundamentalmente na Radio Galega e na Televisión de Galicia, participando na cobertura de destacados eventos internacionais como o Giro de Italia, o Tour de Francia ou La Vuelta a España. Nos últimos anos, mantén unha estreita vinculación co ciclismo e co propio municipio, colaborando como speaker en eventos organizados polo exciclista Ezequiel Mosquera e en probas celebradas en Padrón como a Clásica de Pascua, as Rutas Xacobeas ou a etapa de La Vuelta que tivo lugar en 2024. Ademais, participou na condución de actos deportivos locais, reforzando a súa relación coa vila.

No marco da programación festiva, o Concello celebrará tamén o domingo 5 de abril unha nova edición da Feira Cabalar da Pascua, que terá lugar no Campo da Barca a partir das 10.00 horas. Trátase dunha cita consolidada que reúne a criadores, gandeiros, profesionais do sector e público en xeral arredor do mundo ecuestre.

A feira contará cun amplo programa de concursos morfolóxicos de distintas razas e categorías, entre os que destaca o concurso oficial da XXV Copa Galicia de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega, así como probas para exemplares cruzados, razas pesadas como percheróns, bretóns e hispano-bretóns, e cabalos de Pura Raza Árabe. Ademais, incluirase un concurso infantil de ponis co obxectivo de fomentar a participación da rapazada.

Como un dos principais atractivos da xornada, ás 13.00 horas celebrarase o Gran espectáculo de doma Pascua 2026, protagonizado polo espectáculo El hechizo de la Rosa, distinguido cunha medalla de prata no Salón Internacional do Cabalo (SICAB 2025), a cargo da compañía ecuestre La Magia del Caballo de León. O evento contará tamén coa participación da sección de doma de Alta Escola de Galicia Dragóns de Santiago, pertencente á Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Dende o Concello de Padrón anímase á veciñanza e ás persoas visitantes de toda Galicia a achegarse á vila para gozar dunha das celebracións máis destacadas da primavera galega.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA FEIRA CABALAR

Domingo, 5 de abril – Campo da Barca (Padrón)

10.00 horas

  • Concurso morfolóxico oficial da XXV Copa Galicia de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega (+3 anos)
  • Concurso morfolóxico de cabalos e eguas cruzadas (+3 anos)
  • Concurso infantil de ponis (sección única)
  • Concurso morfolóxico de cabalos e eguas percheróns, bretóns e hispano-bretóns (sección única)
  • Concurso morfolóxico de eguas e cabalos de Pura Raza Árabe (+3 anos)

13.00 horas

  • Gran espectáculo de doma Pascua 2026

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *