Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 octubre, 2025
Redacción 23 de outubro de 2025.- Hai empresas que representan un territorio máis alá do económico. Que levan consigo unha maneira de facer, unha identidade e unha ética que vai moito máis alá da conta de resultados. É o caso de TGM Toldos Gómez, unha firma que comezou traballando o coiro para os cabalos hai máis dun século e que hoxe lidera o sector da protección solar e os téxtiles técnicos desde o corazón de Galicia. O seu director xerente, Esteban Raposo, conversou nesta entrevista sobre pasado, presente e futuro dunha empresa que “non é só de Arzúa, senón que é Arzúa”.
“Todo comezou co meu bisavó, que deixou Pereiro de Aguiar para aprender a facer guarnicións na Coruña. Despois foi a Arzúa, onde o guarnicioneiro estaba a piques de xubilarse, e alí comezou o que hoxe é Toldos Gómez”, explica Esteban Raposo, visiblemente orgulloso. “O traballo co coiro foi o primeiro, pero co tempo houbo que adaptarse. Cabalos había menos, pero ganas de traballar as mesmas”, ironiza.
A partir dos anos 70 a empresa comezou a especializarse en toldos e lonas, e hoxe conta con catro centros de traballo —Arzúa, Santiago, Bergondo e outro almacén na vila— e máis de 100 traballadores. “Somos agora 99 persoas, pero estamos a piques de superar a centena. A maior parte da xente é da comarca”, sinala Raposo, que destaca o arraigamento local como unha das fortalezas da firma.
O funcionamento interno da empresa é, como o define Raposo, “complexo pero entretido”. “Non temos un catálogo pechado. Traballamos sempre baixo demanda: deseñamos, fabricamos e instalamos a medida. Cada pedido é único, feito coas cores, tecidos e necesidades que o cliente define”, explica.
A actividade divídese en seis liñas de negocio: protección solar, lonas para transporte, confección de téxtiles técnicos, cintas para trincar cargas, impresión e rotulación, e estruturas como carpas. A maiores, contan cunha iniciativa singular: MOEVA, unha marca que recupera restos de lona para transformalos en produtos de moda e complementos. “Facemos bolsos, mochilas… é unha maneira de reducir residuos e seguir sendo responsables ambientalmente”, conta.
O compromiso co medio ambiente e coa sociedade local non é unha moda para Toldos Gómez, senón parte esencial da súa cultura empresarial. “Sempre fomos moi conscientes de que vivimos nun lugar pequeno e que temos que facer as cousas ben. Agora chámanlle responsabilidade social, pero para nós é sentido común”, resume Esteban.
Desde o ano 2008 publican unha memoria de sustentabilidade, aliñada cos estándares do Global Reporting Initiative (GRI) e o Pacto Mundial das Nacións Unidas. Todo é verificado por entidades externas como AENOR. “Todo o que pensamos que ten impacto social reportámolo: desde patrocinio deportivo ata iniciativas ambientais ou sociais”, apunta.
TGM é, por exemplo, patrocinador histórico da CSD Arzúa, e segundo Raposo, a relación é máis ca simbólica: “Meu avó foi presidente accidental do club, e hoxe o presidente é Víctor Gómez, socio da empresa. Hai unha conexión directa entre o deporte local e a nosa historia”.
Un dos fitos recentes máis destacados da empresa foi a súa participación na reforma do Estadio Santiago Bernabéu, sede do Real Madrid. Toldos Gómez foi seleccionada pola constructora galega Desarrolla para deseñar e instalar elementos decorativos para o novo mercado gastronómico do estadio.
“Non foi o Madrid directamente, senón Desarrolla, unha gran empresa que confiou en nós. Para un espazo sen luz natural como os sotos do Bernabéu, quixeron poñer toldos ornamentais de moitas cores. Foi un reto conseguir as tonalidades exactas”, conta Raposo. “A obra durou meses e implicou a oficina técnica, produción, deseño… foi un traballo de equipo enorme”.
A pesar de non seguir o fútbol de forma intensa, Raposo recoñece o simbolismo: “De pequeno era un pouco do Madrid por mimetismo. Pero agora fáltame tempo para ser seareiro. Iso si, alégrome moito de que unha empresa galega estea presente nun espazo tan icónico”.
Como moitas empresas industriais, TGM enfróntase á falta de persoal cualificado. “O toldeiro fórmase na empresa. Non hai FP nin formación oficial específica. Temos que buscar xente con vontade e formala nós mesmos”, lamenta Raposo.
Neste contexto, o obxectivo é ambicioso pero claro: aumentar a capacidade produtiva sen aumentar a plantilla, grazas a melloras organizativas e incorporación de maquinaria. “Somos unha empresa intensiva en man de obra, e temos moita demanda. Pero non podemos perder a calidade nin a personalización que nos define”, conclúe.
Toldos Gómez non é só unha empresa de lonas: é unha historia de adaptación, innovación e compromiso. Un reflexo de como desde o rural galego se pode crear industria con valor engadido, sostible e recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras. E como di o propio Esteban: “Que chegue o sol ou a choiva… nós seguiremos traballando para adaptarnos. Porque cada día é distinto, e iso é o bonito de Toldos Gómez”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)