Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 septiembre, 2025
O delegado do Goberno, o presidente da Deputación e o director de Turismo de Galicia, entre as autoridades que confirmaron a súa asistencia mañá sábado, ás 13:00 horas
26 de setembro de 2025.- “Cando a Romaría de Santa Minia coincide en fin de semana, sempre trae a moita máis xente da prevista”, asegura Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión e coordinador da Romaría de Santa Minia nas últimas décadas, que prefire non dar unha cifra de visitantes, se ben todo está listo para recibir a milleiros e milleiros de persoas durante esta fin de semana. O alcalde, Pablo Lago, agradece o traballo “do equipo de Goberno e o Departamento de Cultura pola programación deseñada e a todas as persoas que estes días estarán ao pe do canón para que poidamos todos desfrutar dunhas magníficas festas de Santa Minia”.
Porque hoxe venres 26 de setembro arrancan tres días de festa e cunha programación que mestura á perfección a parte relixiosa coa festiva, pois tan tradición é visitar á Santa no seu sepulcro como xantar o polbo nunha das cinco polbeiras que dende onte xa están dando servizo a todos os que se acheguen por aló. A música volverá a ser un dos pratos fortes da Romaría, coa participación de catro das mellores orquestras de Galicia (Panorama, Finisterre, Unión y Fuerza e Marbella) e a actuación de Budiño e a súa xira “Branca Vela”.
A diferenza doutras edicións, a Carballeira de Santa Minia non acollerá ningunha actividade da programación, xa que só se manterá aberta ao público a zona repoboada. Os tradicionais postos de venda instalaranse na avenida de Santa Minia durante esta tarde de venres. A previsión é contar con máis dun cento de postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados…
Alberto Álvarez lembra que “haberá habilitados varios puntos de aparcamento, todos eles gratuítos, polo que pedimos ás persoas que se acheguen que sigan as instrucións do persoal de Protección Civil e da Policía Local, que os guiarán ata o parking máis próximo á festa; así como paciencia pola espera nos momentos de maior afluencia”.
Así mesmo, o Concello manterá o Punto Lila, que funcionará como punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión e tamén como punto de sensibilización e concienciación das persoas asistentes da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia. Estará operativo os tres días na finca onde se desenvolverán os concertos, na contorna da carballeira e a carón da finca das polbeiras. Tamén haberá novamente un horario inclusivo das atraccións, de catro a cinco da tarde. Nesa hora as atraccións funcionarán sen ruído para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional, como persoas con autismo, síndrome de Asperger ou síndrome de Down. “Queremos que todas as persoas teñan a oportunidade de desfrutar destas festas”, destaca o alcalde Pablo Lago.
Visita de autoridades
A programación de mañá sábado 27 de setembro (Día de Santa Minia) comezará ás 10:00 horas coa música do grupo de gaitas “Devagarinho”, seguido dun pasarrúas coa Charanga Os Celtas. Ás 12:00 horas, a compañía galega Títeres Alakrán fará unha ruada pola carballeira de Santa Minia co espectáculo “O xigante Barriga Verde”, dentro do VIII Festival Monecadas. A sesión vermú correrá a cargo da artista local Ruth Cundíns. Para a tarde, novo pasarrúas da charanga Os Celtas de Negreira (16:00 horas) e do grupo de gaitas “Airiños do Petouto”. Ás 18:00 horas, a praza do Concello acollerá unha segunda actuación do Festival Monecadas: “Los Pintores”, do grupo de teatro andaluz “Los Pintores”. A verbena terá lugar ás 22:00 horas coa orquestra Finisterre e Disco Móbil Impacto.
No que atinxe aos oficios relixiosos, as visitas ao santuario comezarán ás 9:00 horas, agardándose a maior afluencia coincidindo coa misa solemne, que terá lugar ás 13:00 horas na casa reitoral. Un ano máis, e por razóns de seguridade, as misas e o depósito de candeas terán lugar na casa reitoral e non na capela, que seguirá abrindo as súas portas para que os devotos poidan cumprir coa tradición de visitar e bicar o sepulcro da Santa Minia. Os demais oficios terán lugar tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).
Ás 13:00 horas, o alcalde Pablo Lago presidirá a recepción de autoridades na entrada da carballeira de Santa Minia. Entre as confirmadas a día de hoxe figuran:
– Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia
– Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña
– José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia
– Julio Abalde, subdelegado do Goberno na Coruña
– Antonio Leira e María del Mar García Vidal, deputados provinciais
– Blas García Piñeiro, alcalde de Ames
– Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro
– Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira
– Luis Oujo Pouso, alcalde de Porto do Son
– Ramón Tojo Lens, alcalde de Rois
– Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo
– Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón
– Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume
– Concelleiros e concelleiras de Brión, Ames, Santiago e Teo.
A comitiva oficial dará un paseo polas contorna da carballeira de Santa Minia e tras asistir ao inicio da sesión vermú con Ruth Cundín, celebrarán un xantar nunha das polbeiras da festa.
Finalmente, o domingo 28 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de música tradicional “@s Garuleir@s” e da charanga BB+, que se encargará tamén da sesión vermú. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional “Tíralle do aire” e actuación da compañía francesa Pelele para pechar o Festival Monecadas. Será ás 18:00 horas na praza do Concello co espectáculo “La muerte de don Cristóbal”.
Ás 20:00 horas terá lugar un dos pratos fortes das festas: O concerto de Budiño, dentro da súa xira “Branca vela” e subvencionada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. A orquestra Panorama porá o broche de ouro aos festexos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)