Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 marzo, 2024
Este ano súmanse importantes novidades ao programa da Festa da Uña de San Lázaro, unha cita atractivo tanto para o conxunto da veciñanza de Compostela como para as persoas que visitan a cidade nestas datas previas á Semana Santa.
A primeira das novidades será o venres 15 cando haberá unha degustación de Uñas no Centro Comercial As Cancelas. A segunda será que a SD Compostela dará como agasallo unha entrada para o partido contra o Langreo do domingo 17 de marzo a aquelas persoas que consuman uñas nos locais apuntados no programa na fin de semana do 15 ao 17 de marzo.
A terceira novidade é que o domingo 17, ás 10.00 da mañá, terá lugar a andaina guiada «O Berce do Sar: percorrendo o barrio de San Lázaro pola beira do río Sar». Trátase dun paseo organizado pola Asociación Veciñal Monte do Gozo e a Asociación Gastronómica e Cultural Orde da Uña, en colaboración con Turismo de Santiago.
Esta andaina, guiada pola veciñanza, seguirá, a longo de 4,2 km, a senda fluvial que atravesa de parte a parte o barrio de San Lázaro, seguindo o río Sar augas arriba, ata o seu nacemento. O paseo permite coñecer o pasado e presente de Compostela, pasando a carón de antigos curtidoiros, vellos muíños e fontes que amosan os diferentes usos do río na antigüidade, e de construcións máis modernas para facilitar o desenvolvemento urbano.
Ademais, vinte e cinco restaurantes, do barrio de San Lázaro pero tamén doutros barrios, ofrecerán durante estes días as súas versións do tradicional prato das Uñas, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo. Os locais que ofrecen as uñas, así como o programa completo da Festa, pode consultarse no programa de Semana Santa, dispoñible na oficina de información de Turismo de Santiago e en www.santiagoturismo.gal.
O programa festivo comezará o sábado 16 de marzo pola mañá, aínda que a maioría dos restaurantes xa ofrecerán dende a noite anterior o tradicional prato das Uñas. A Festa rematará na noite do luns 18, co xa tradicional espectáculo da orquestra París de Noia. Pero antes, pola mañá, realizarase a poxa das uñas, que remonta ás súas orixes a cando se instaurou na entrada norte da vila o lazareto para a atención de persoas coa enfermidade da lepra. Os familiares dos enfermos ofrecían as uñas dos porcos ao Santo para que velara por eles e lle dera saúde aos cochos que criarían para o vindeiro ano.
Escrito por Líder Redacción
compostela festa gastronomia radio lider santiago san lazaro santiago uña
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)