AD

Comarca

Todo listo para a Festa do Queixo: “É a fin de semana máis importante do ano para Arzúa”

today27 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

 

  • O actor Federico Pérez será o encargado de abrir unha celebración que cumpre 51 anos e que aspira a superar os 50.000 visitantes nunha fin de semana clave para o municipio

Arzúa volverá converterse esta fin de semana na capital indiscutible do queixo galego coa celebración da súa cita máis emblemática, a Festa do Queixo, que alcanza xa a súa 51ª edición. O actor Federico Pérez será o encargado de pronunciar o pregón inaugural nunha edición que o Concello dedica á emigración, nun recoñecemento explícito á historia vital de milleiros de galegos e galegas.

É para min unha honra enorme”, confesou Pérez durante a entrevista previa á festa. Recoñecido amante do produto estrela da vila, o intérprete tirou de humor para reivindicar a súa paixón: “Son moi queixeiro, demasiado incluso; o médico xa me mira mal polo colesterol, pero mentres non suba…”. Entre risas, deixou claro que falar do queixo de Arzúa é tarefa agradecida: “O complicado é facelo mal, creo eu”.

O actor, que conta cunha sólida traxectoria teatral e audiovisual, avanzou que o seu pregón combinará texto preparado e improvisación: “Os guions están ben, pero sempre pode pasar algo; teño os ollos abertos a todo o que pase”. Ademais, explicou que incorporará referencias persoais ao fío do lema desta edición: “Quixen incluír o tema da emigración porque ten que ver coa miña biografía”. Nado en Alemaña durante a etapa emigrante da súa familia, recoñeceu que esa circunstancia “encaixou moi ben co que se quería transmitir este ano”.

Unha festa queoctuplica a poboación

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, cualificou a celebración como “posiblemente o fin de semana máis importante do ano a nivel de concello”. Non é para menos: o municipio, de arredor de 6.000 habitantes, pode chegar a recibir máis de 50.000 visitantes ao longo dos tres días de programación.

Xogámonos moito na defensa do noso produto estrela, que é o queixo”, subliñou Carril, quen destacou o esforzo organizativo para que todo se desenvolva con normalidade. Concertos, feira, actividades culturais e propostas para públicos de todas as idades compoñen un programa que aposta pola mestizaxe artística e pola participación local.

Sobre a dedicación á emigración, o rexedor explicou que cada edición busca poñer o foco nun colectivo ou temática relevante: “Nomeamos catro persoas en representación de todos os emigrantes, dúas mulleres e dous homes; entendíamos que ben merecían unha pequena homenaxe”. O alcalde deixou aberta a porta a continuar con esta liña temática nos vindeiros anos.

Cultura, industria e identidade

Durante a conversa, Fede Pérez tamén repasou os seus proxectos actuais, desde a xira teatral de Memorias dun neno labrego ata a súa participación en producións audiovisuais para plataformas estatais. O actor puxo en valor o momento que vive o sector en Galicia: “É un momento moi doce; non hai mes que non haxa varias producións ao mesmo tempo”. Iso si, reclamou avanzar na normalización lingüística: “Boto de menos que todas as producións reivindiquen o galego como o noso idioma”.

Pola súa banda, Carril aproveitou para reiterar a postura do goberno local respecto ao proxecto industrial de Altri, celebrando o que considera “unha pequena batalla gañada” fronte a unha iniciativa que, ao seu xuízo, suporía un prexuízo para a comarca e para a Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa.

Un pregón con sabor propio

Co humor que o caracteriza, Fede Pérez deixou unha última imaxe que resume o espírito da festa: “Os peregrinos chegan esa fin de semana e pensan que xa están en Santiago; pero esa fin de semana é para quedar en Arzúa”. E, como bo anfitrión, concluíu cunha recomendación sinxela e rotunda: “O queixo vai con todo, pero que non falte o viño”.

Arzúa prepárase así para tres días nos que tradición, identidade e orgullo local volverán mesturarse arredor dun produto que leva máis de medio século sendo emblema gastronómico e cultural de Galicia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *