AD

Comarca

Touro convertarase nun municipio cardioprotexido cunha rede pública de desfibriladores

today4 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O goberno municipal aprobará nos vindeiros días unha iniciativa de carácter claramente pioneira no ámbito da saúde pública e da prevención: a implantación dunha rede municipal de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) nas vías públicas do municipio, dispoñibles as 24 horas do día.

O proxecto permitirá a instalación de 18 desfibriladores en espazos públicos das distintas parroquias, garantindo a cobertura de todo o termo municipal, ademais dun dispositivo adicional que se porá a disposición de Protección Civil, co obxectivo de reducir drasticamente o tempo de resposta ante unha parada cardiorrespiratoria. Con esta medida, Touro dá un paso decisivo para converterse nun concello cardioprotexido, poñendo a saúde e a seguridade da veciñanza no centro da acción política.

As paradas cardiorrespiratorias son unha das principais causas de falecemento fóra do ámbito hospitalario. Os expertos coinciden en que cada minuto que pasa sen intervención reduce un 10% as posibilidades de supervivencia, mentres que o tempo medio de chegada dunha ambulancia supera, en moitos casos, os 15 minutos. A dispoñibilidade inmediata dun desfibrilador pode marcar a diferenza entre a vida e a morte.

Os dispositivos estarán situados en tótems de aceiro inoxidable, perfectamente sinalizados conforme á normativa internacional, e poderán ser utilizados por calquera persoa, mesmo sen formación sanitaria previa, xa que contan con instrucións por voz claras e sistemas automáticos de axuda á reanimación cardiopulmonar (RCP).

O proxecto inclúe tamén un programa de formación presencial en soporte vital básico e uso do DESA, dirixido á cidadanía, así como un sistema integral de mantemento, monitorización continua e rexistro oficial dos equipos, garantindo o seu correcto funcionamento en todo momento.

Desde o Concello de Touro destácase o carácter estratéxico e preventivo desta iniciativa, que sitúa á veciñanza no centro da resposta ante emerxencias sanitarias e aposta por achegar recursos vitais á poboación, tamén no ámbito rural.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *