AD

Actualidad

Unha semana de concertos e actividades para celebrar o San Roque en Melide

today28 junio, 2024

Fondo
share close
AD
  • As Tanxugueiras, Celtas Cortos e as orquestras Panorama, París de Noia ou Olympus, entre os pratos fortes dunha programación diversa.

Melide, 28 de xuño de 2024.-  Melide prepárase para unha nova edición das tradicionais Festas de San Roque, do 14 ao 21 de agosto. O cartel da presente edición presentouse esta mañá na Casa do Concello de Melide. A festa está organizada pola Asociación de Festas de San Roque, co apoio do Concello de Melide e da Deputación da Coruña.

O mércores 14 de agosto, a programación incluirá o concerto dos veteranos Celtas Cortos. Tamén haberá espazo para a música tradicional, coas actuacións de Os Melidaos e de Xascariz, o proxecto do gaiteiro Suso Ascariz.

O xoves 15, as festas continúan coa célebre orquestra EL Combo Dominicano. Complementará a actuación Mekanika Rolling Band, unha animada charanga de Negreira gañadora do Cantalingua 2022.

Ao día seguinte, venres 16, a festa prosegue coa esperada actuación da orquestra Panorama. Ademais, a Banda de Música de Visantoña ofrecerá un concerto do seu amplo repertorio. Se quedan forzas, os Festicultores Troupe traerán o espectáculo máis gamberro para pór a todos os asistentes a bailar ao ritmo dos seus ocorrentes temas.

O sábado 17, o San Roque continúa cun repertorio diverso que deixa un importante espazo para o tradicional e para grupos locais. Despois do concerto da orquestra Fuerza Nueva, Melide vibrará coas Tanxugueiras. Actuarán tamén a Coral Polifónica de Melide e o grupo Froito Novo.

O domingo 18, o día do río, será a quenda da afamada orquestra París de Noia. Completan a programación a Banda de Música de Arzúa e mais a charanga Ardores.

O luns 19, a programación inclúe as actuacións do Grupo Bomba, a formación melidá tradicional Herba Grileira e a veterana orquestra Los Satélites. Pola súa banda, o martes 20, actuarán Louband, a Banda de Santa Cruz de Ribadulla e a orquestra Olympus.

O mércores 21, co motivo do Día do Neno, haberá descontos e actividades para os máis pequenos da casa.

Dende o Concello de Melide convídase a toda a cidadanía a desfrutar dunha nova edición das célebres Festas de San Roque, cunha programación diversa e para todos os gustos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%