Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 septiembre, 2025
As tres universidades galegas e a Xunta de Galicia colaboran na campaña conxunta ‘O galego xa é teu’ para o fomento do uso da lingua galega entre o estudantado. A iniciativa presentárona este xoves o director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Núñez Singala; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e as vicerreitoras de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López , e de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda.
A iniciativa, coordinada pola Comisión Interuniversitaria de Normalización Lingüística, recibe unha achega do Goberno autonómico de 30.000 euros e, segundo manifestou Valentín García, “trátase da primeira acción deste tipo que se desenvolve entre as tres institucións académicas”.
Baixo o lema ‘O galego xa é teu’, trátase de chegar ás xeracións máis novas. A campaña, que se encadra nas liñas de actuación en materia de lingua acordadas nunha xuntanza da Comisión Interuniversitaria mantida o pasado mes de maio, consta dun vídeo a modo de tráiler de película protagonizada por un superheroe con un superpoder, o galego, facendo un chamamento a que este é o momento para demostralo. Ademais deste contido audiovisual, que se está a difundir a través das redes sociais universitarias e nos seus correspondentes portais, tamén se distribuirán distintos materiais coa imaxe e produtos promocionais, como camisolas, entre a comunidade estudantil.
Na USC, cuxos estatutos recoñecen no seu artigo 3 o galego como a lingua propia da Universidade e recollen o compromiso de potenciar e garantir o uso pleno da lingua galega, esta campaña está coordinada polo seu Servizo de Normalización Lingúística.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)