Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 marzo, 2026

Val do Dubra volverá converterse nun punto de encontro co rural coa celebración dunha nova edición das Feiras do Abril, que terán lugar os días 4, 5 e 6 de abril no espazo público de San Lourenzo de Bembibre. A cita, xa consolidada no calendario local, reunirá durante tres xornadas unha completa programación que combina tradición, divulgación e lecer para todos os públicos.
Ao longo de toda a fin de semana, en horario de 10:00 a 20:00 horas, desenvolveranse propostas como o mercado de artesanía, a exhibición de maquinaria agrícola, xogos tradicionais e servizo de polbeira.
A programación arrincará o sábado 4 coa inauguración oficial ás 12:00 horas, acompañada dunha actuación de regueifa. A xornada continuará cunha degustación de produtos locais ás 13:00 horas e diversas actividades ao longo da tarde, entre elas o obradoiro de estampaxe de panos tradicionais (16:00–20:00 h), a charla sobre horta sostible a cargo de Nuska Chousa (17:00 h), o monólogo de Isi (18:30 h) e a sesión musical con Grupo Claxxon e Disco Móbil CDC (20:00 h).
O domingo 5 estará marcado pola exposición de gando, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas, así como pola continuidade dos obradoiros de artesanía (10:00–19:00 h), as xornadas de tiro ao arco (11:00–17:00 h) e a demostración de cestería con Sara Viña (11:00 h).
De forma paralela, durante as feiras haberá outras actividades como a ruta cabalar (11:30 h), un simulacro de Protección Civil (12:00 h), o obradoiro de extinción de incendios para a rapazada da man da AVPC Val do Dubra (12:30 h), a demostración de inoculación de shiitake en tronco impartido por Fungos da Cova (12:30 h), a actuación do Trío Alborada (14:00 h) e un faladoiro sobre apicultura con Alfonso Priegue (16:30 h).
A programación pecharase o luns 6 coa celebración do mercado mensual e da tradicional Festa da Empanada, que contará tamén con polbeira e actuación musical a cargo do Dúo Matices.
As Feiras do Abril confírmanse así como un espazo de promoción do produto local e de posta en valor da cultura e tradicións do rural galego, consolidándose como unha cita de referencia na comarca.
Nota: Para participar nalgúns dos obradoiros e actividades será preciso formalizar a inscrición, dado que hai prazas limitadas. Esta realizarase a través do correo electrónico, enviando nomes, apelidos e idade a feiras@valdodubra.gal, segundo se vaian anunciando nas redes e na web do concello. A adxudicación de prazas farase por orde de inscrición.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)