AD

Comarca

Veciños de Sigüeiro convocan unha concentración en defensa da sanidade pública

today10 abril, 2026

Fondo
share close
AD

A preocupación pola situación da atención sanitaria no centro de saúde de Sigüeiro (Oroso) levou a veciñanza a organizar unha concentración este sábado día 11 ás 10:30 da mañá diante das instalacións médicas.

Segundo trasladou Isabel Míguez, presidenta da asociación de veciños da Gándara, a mobilización nace como resposta ao empeoramento do servizo nos últimos meses. “O habitual agora é ter que esperar ata 15 días para conseguir unha cita médica”, denuncia, ao tempo que sinala outras dificultades como o peche do centro os sábados.

A convocatoria prodúcese tamén nun contexto marcado polas recentes mobilizacións do persoal sanitario, que levou a cabo xornadas de folga para reclamar melloras nas súas condicións laborais. A este respecto, desde a asociación veciñal subliñan que comprenden as reivindicacións dos profesionais, pero consideran que a situación está a repercutir directamente na calidade da atención aos pacientes.

“Non se trata de cores políticas, senón de defender un dereito básico que afecta a todos os veciños e veciñas”, explica Míguez, quen fai un chamamento á participación cidadá. “Cantos máis sexamos, máis forza teremos para que se escoite a nosa voz”.

Desde a organización consideran que o peche de centros ou a redución de servizos non é a solución, e reclaman medidas que garantan unha atención sanitaria accesible e de calidade para toda a poboación.

A concentración está aberta a toda a cidadanía e pretende visibilizar o descontento social ante unha problemática que, segundo os convocantes, vai en aumento.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *