Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 septiembre, 2025
O alcalde de Vedra fala das prioridades para o novo curso político, os retos do rural e a necesidade de poñer vivendas baleiras no mercado
Nunha entrevista en profundidade nos micrófonos de Radio Líder Santiago, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, fixo balance do verán e detallou os principais retos que encara o concello neste novo curso político. A planificación das obras do novo centro de saúde, a complexidade dos servizos no rural e a falta de vivenda dispoñible foron algúns dos eixos centrais da conversa, marcada pola sinceridade e a mirada realista sobre a situación dos pequenos concellos galegos.
“A prestación de servizos nun concello diseminado como Vedra é moi complexa”, sinalou Martínez, quen explicou que mentres outros municipios con menos habitantes xestionan decenas de colectores, en Vedra fálase de centos de quilómetros de vías e máis de mil colectores. “As contas non dan. Cada vez custa máis manter os servizos”, recoñeceu. Con todo, reivindicou o esforzo por ofrecer prestacións sociais, culturais e deportivas de calidade, “probablemente por enriba das nosas posibilidades”.
Entre os proxectos destacados está o novo centro de saúde, cuxa licitación agárdase completar en 2025, cun posible inicio de obras no primeiro trimestre de 2026. “Xa pedimos desculpas por adiantado pola incomodidade que causará, pero é polo ben común”, indicou. Tamén destacou outras actuacións, como o centro social e cultural na antiga estación, a reforma do colexio de Santa Cruz de Rivadulla e múltiples melloras nas pistas municipais, sempre que o tempo o permita: “Agora mesmo precisamos bo tempo máis que cartos”.
Outro tema quente foi o da vivenda baleira. Martínez asegurou que existe demanda de persoas que queren vivir en Vedra, pero falta oferta real: “Temos vivendas perfectamente habitables que non saen ao mercado”. Considera que é unha cuestión de “concienciación social” e defende que “unha casa habitada sempre se conserva mellor”. Propón explorar fórmulas para incentivar que os propietarios se animen a alugar ou vender esas propiedades.
Sobre o seu futuro político, o alcalde non pecha portas a unha nova candidatura: “Sempre quedan pequenos flecos por rematar. Mentres haxa ganas e confianza da veciñanza, seguiremos”. Destacou tamén a entrega total que require o cargo: “Os alcaldes somos 24/7. O teléfono nunca se apaga”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)