Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 marzo, 2024
Boimorto. 24-3-2024. A poxa de xovencas levantou grande expectación esta mañá en Magreco, cunhas dúas mil persoas vendo como se vendían os catorce animais por un montante global que superou os 46.000 euros. Ademais de asistir á poxa, o conselleiro de Medio Rural en funcións, José González, e a xefa territorial visitaron a feira de maquinaria agrícola e forestal acompañados pola alcaldesa, María Jesús Novo, e membros da Corporación.
A expectación na poxa foi subindo a medida que se poñían a vendas os diferentes exemplares de raza rubia galega e frisoa. Ata o punto que a poxa máis alta chegaba coa última vaca, pola que se pagaron 6.100 euros preto das dúas da tarde. Ata ese momento, todas as vacas atoparon dono nunha carpa ateigada de xente.
Unhas dúas mil persoas presenciaron o desfile dos animais. Primeiro tres rubas galegas propiedade de Acruga que foron compradas por un mesmo gandeiro en 2.250 euros cada unha. Logo, Africor coordinaba a poxa das once xovencas frisoas. A dúas máis baratas foron mercadas en 2.950 euros cada unha e a última, unha vaca procedente da gandería Saamil SC de Toques, subiu a poxa ata os 6.100 euros, que superou o récord histórico dunha vaca en Magreco.
O conselleiro de Medio Rural en funcións, José González estivo presente ao inicio da poxa, despois de visitar a feira de maquinaria agrícola e forestal acompañado pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo; membros da Corporación e a xefa territorial da consellería. José González departíu con algúns dos agricultores e gandeiros que estaban visitando a feira.
Ao rematar a poxa, entregáronselle agasallos aos representantes das ganderías que aportaron os animais, e tamén se sortearon os premios cos que se quixo agasallar ás persoas asistentes á décima edición de Magreco. En concreto, unha caixa de produtos doados pola Casa Grande de Xanceda, outro lote aportado polos expositores do mercado de artesanía e produtos ecolóxicos que participaron en Magreco; os 200 euros doados por Aira e a escultura de madeira feita onte con motoserra por Tallas Yosi.
Mentres na poxa todas as persoas asistentes estaban pendentes dos animais e de quen pagaba máis por eles, no exterior a cativada seguía gozando na xincana de tractores a pedais e o mercado artesán recibía a visita de numerosas persoas que se achegaron esta fin de semana ata Boimorto.
Co obradoiro de estampado de camisetas dirixidos a nenos e nenas e o concerto de Xascariz poñíase o punto e final a unha décima edición de Magreco que superou as expectativas de expositores (máis de 50) e de público que se achegou ata Boimorto esta fin de semana.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)