AD

Comarca

“Verán en Ames 2025” ofrece tres meses de festexos e actividades

today18 junio, 2025

Fondo
share close
AD

Ata finais de setembro vanse a realizar preto de 50 actividades, entres as que destacan a programación de Ames en Festas, os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o concurso Baila con Ames, o festival ABANEA, o concerto de Mondra no parque do Ameneiral, a programación da semana da mobilidade, etc.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “dende Ames brindamos unha oferta cultural variada e para todos os públicos. Queremos que a nosa veciñanza e as xentes da contorna desfruten das nosas actividades, festexos e eventos. Dende xuño a setembro todas as semanas hai algo que facer e ese é o propósito que perseguimos, un verán cheo de acción, participación e cultura”

Ames, 17 de xuño de 2025.- O Concello de Ames vén de presentar a programación   estival “Verán en Ames 2025”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre as 48 propostas programadas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 1 ao 5 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 6 ao 10. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o concurso Baila con Ames, o festival ABANEA, o concerto de Mondra no parque do Ameneiral, a programación da semana da mobilidade, etc. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar preto de 50 actividades, entres as que destacan a programación de Ames en Festas, os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia, o concurso Baila con Ames, o festival ABANEA, o concerto de Mondra no parque do Ameneiral, a programación da semana da mobilidade, etc.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “dende Ames brindamos unha oferta cultural variada e para todos os públicos. Queremos que a nosa veciñanza e as xentes da contorna desfruten das nosas actividades, festexos e eventos. Dende xuño a setembro todas as semanas hai algo que facer e ese é o propósito que perseguimos, un verán cheo de acción, participación e cultura”.

Programación de xuño

A programación estival comeza hoxe, 17 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa clausura da Escola municipal de Teatro de Bertamiráns. Nesta xornada actuarán o grupo infantil (6º infantil, 1º e 2º de primaria), que presentarán a peza “A mellor sopa do mundo”, ás 17.30 horas; o grupo infantil (de 3º a 6º de primaria) porá en escena a obra “Necesito vacacións”, ás 20.00 horas; e o grupo xuvenil (de educación secundaria) representará a peza “Mortos da risa”, ás 20.30 horas.

Para o mércores, 18 de xuño, está prevista a clausura da Escola municipal de Teatro do Milladoiro. As representacións terán lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta xornada actuará ás 17.30 horas o grupo infantil (6º de infantil, 1º e 2º de primaria) representando “O lobo e os porquiños”; ás 20.00 horas será a quenda do grupo infantil (de 3º a 6º de primaria) con “Os contos perdidos”; e ás 20.30 horas actuará o grupo xuvenil (de educación secundaria) representando a peza “Teatrofobias”.

Ademais, a Escola Municipal de Música de Ames celebra mañá, mércores 18 de xuño, o seu concerto de fin de curso, unha cita na que o alumnado interpretará diferentes pezas musicais para poñer así peche final a este ano escolar. O recital terá lugar a partir das 19.30 horas na pista de fútbol sala do Milladoiro.

O xoves, 19 e xuño, haberá unha nova sesión das andainas do programa SaúdeAndo con saída ás 17.30 horas dende o centro de saúde de Bertamiráns. A última andaina do primeiro semestre de 2025 de SaúdeAndo será o xoves 26 de xuño. Desta volta con saída dende o centro de saúde do Milladoiro ás 17.30 horas.

Para o venres, 20 de xuño, hai dúas actividades previstas en horario de tarde. Ás 17.00 horas comezará a festa do comercio no Milladoiro, unha iniciativa organizada pola Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración do Concello de Ames e a Xunta de Galicia. Haberá pasarrúas, talleres, concursos e concertos co obxectivo de dinamizar as rúas e animar a veciñanza a mercar no comercio local de Ames. As persoas que realicen compras superiores a 10 euros terán un premio seguro.

O venres, 20 de xuño, tamén se vai celebrar o obradoiro de cianotipia “Fotografando as herbas de San Xoán”, de Alouette Machine que se desenvolverá ás 18.00 horas no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Nesta derradeira actividade da súa programación do primeiro semestre do ano, a rapazada realizará diferentes fotocomposicións empregando a luz do sol e a auga, ademais de poder ir aprendendo a recoñecer as herbas de San Xoán, ao tempo que poñen en valor a lingua e o patrimonio cultural e ambiental.

Para o sábado, 21 de xuño, organízase a sexta etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, que vai dende Os Muíños ata Guisamonde. Trátase dunha ruta que ten un percorrido total de 120 quilómetros e que é a única que ten como orixe de partida a capital galega. Ademais, o itinerario atravesa lugares do noso concello, así como de Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Muxía, ata chegar a Fisterra. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 8:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 8:15 horas.

A programación de xuño péchase o sábado, 28 de xuño, con tres actividades: a celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+; o Trofeo de Supercross Gran Premio Concello de Ames; e maila fase de preselección do concurso Baila con Ames.

Programación de xullo

O programa de Seráns de Ames 2025 comeza o xoves, 3 de xullo, ás 19.00 horas cunha actuación na praia fluvial de Tapia. A continuación, o venres 4 e sábado 5 de xullo, celebrarase unha nova edición do festival Ames Jazz. Nesta ocasión, o programa inclúe os concertos dos recoñecidos músicos galegos de Jazz a nivel internacional, Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío. Ademais, haberá unha sesión vermú a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales e o faladoiro “A situación do jazz e da música galega”.

Para o xoves, 10 de xullo, ás 20.00 horas, está prevista a segunda xornada dos Seráns de Ames cunha actuación en Ortoño; e o domingo 13 de xullo, tamén en Ortoño celebrarase unha nova edición da festa do chourizo ao viño, na que a partir das 19.00 horas se poderá gozar cun concerto da Banda da Loba.

O Pazo da Peregrina acollerá o mércores, 16 de xullo, unha nova xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”; mentres que o xoves 17 de xullo, ás 20.00 horas, celebrarase a terceira xornada dos Seráns de Ames en Covas. Para o venres, 18 de xullo, ás 18.00 horas, na praza de Chavián de Bertamiráns, está programada a gran final do concurso Bailas con Ames.

Por outra banda, o sábado 19 de xullo haberá dúas actividades. Ás 20.00 horas celebrarase a actividade Pedras e Estrelas no Bosque dos Peregrinos, situado no monte de Ventosa, na parroquia de Covas; e ás 21.00 horas comezará unha nova edición das Noites en Vela, na Ponte Maceira, que contará coa actuación das Maianas e de Caamaño & Ameixeiras. A programación de xullo péchase o mércores, 23 de xullo, ás 20.00 horas, coa celebración do Día de Galicia no Pazo da Peregrina, onde se lle entregará a medalla do Concello de Ames ao reitor da USC, Antonio López.

Programación de agosto

O Millarock será o encargado de abrir a intensa programación de festexos de Ames ao longo do mes de agosto e celebrarase o venres 1, a partir das 19.00 horas, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro. O festival, que é unha das citas máis destacadas dentro da programación cultural do Concello de Ames, dará o comezo, un ano máis, ao Ames en Festas, con 10 xornadas de troula nos dous principais núcleos urbanos amesáns.

As Festas da Madalena do Milladoiro comezarán o sábado, día 2, e continuarán ata o martes día 5 para dar paso así ás festas da Peregrina de Bertamiráns, que se celebrarán dende o mércores 6 de agosto ata o domingo día 10. Ademais, o venres 8 terá lugar o concerto de Mondra, un dos artistas galegos máis recoñecidos do momento, que estará a presentar o seu último traballo, “De Ronda”, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

Por outra banda, durante o mes de agosto, terán lugar os tres últimos concertos do programa «Seráns Ames». O primeiro deles será o día 14, na parroquia de Trasmonte, mentres que a parroquia de Bugallido acollerá o segundo e, por último, co que se pechará este ciclo de concertos, será na praia Fluvial de Tapia o día 28, ás 17.30 horas. Ademais de música e troula, haberá tamén oco para actividades máis lúdicas. Por un lado, terá lugar o sábado 23, a partir das 20.00 horas, “Camiñando ao Solpor”, unha visita guiada por unha das zonas do patrimonio arqueolóxico amesán máis importantes coma son os Petróglifos de Castelo e da Peneda Negra. A saída desta actividade será dende o Bosque dos Peregrinos.

Por outra banda, o sábado 30, realizarase a actividade “Noite de Estrelas”, unha saída ao Monte San Marcos para observar e aprender sobre o ceo nocturno; e o domingo, 31 de agosto, ás 20.30 horas, dentro da programación das festas da Ameixenda contarase cun concerto de “Ailá”.

Programación de setembro

O último mes da programación abrirase o mércores, 3 de setembro, coa celebración das Brincadeiras Miúdas na Carballeira dos Trasgos, en Ventín, nas que como soe ser habitual se contará coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. O día seguinte, o xoves 4 de setembro, comezarán as andainas SaúdeAndo do segundo semestre de 2025, cunha andaina que sairá ás 17.30 horas dende o centro de saúde do Milladoiro.

Ademais, o xoves 4 de setembro, de 16.30 a 20.00 horas, volve o programa Volta ao Cole no Milladoiro, que se repetirá en Bertamiráns o venres 5, no parque do Ameneiral, tamén en horario de 16.30 a 20.00 horas. O xoves 11 haberá, ás 17.30 horas, unha nova andaina dende o centro de saúde de Bertamiráns; e o xoves 18 de setembro con saída dende o centro de saúde do Milladoiro. O venres 19 de setembro, ás 18.00 horas, representarse a obra de teatro infantil Castelao de Culturactiva, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Por outra banda, os días 19, 20 e 21 de setembro celebraranse diversas actividades co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. As actividades de setembro pecharanse o xoves 25, ás 17.30 horas, cunha andaina dende o centro de saúde de Bertamiráns.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *