AD

Destacado

Verea: «Apoiar a proposta de Rosón como alcaldesa foi un xesto de xenerosidade pola cidade»

today26 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

O líder do PP compostelán acusa á alcaldesa de “neglixencia, turismofobia e colapso institucional” e reclama a súa dimisión. A entrevista realizouse un día antes da protesta do 25N fronte á sede popular.

Redacción, 26 de novembro de 2025.-  O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, lanzou unha dura crítica contra o goberno municipal liderado por Goretti Sanmartín (BNG), ao que acusa de “neglixencia” e de provocar “o maior colapso institucional da historia recente do Concello”. A entrevista, emitida nos micrófonos de Radio Líder Santiago, tivo lugar o día antes da protesta do 25N fronte á sede do PP, nun momento de alta tensión política e social na cidade, e onde foi precisa a intervención policila.

“Nunca na historia de Santiago o Parque de Bombeiros chegara a estar inoperativo. É un síntoma de irresponsabilidade e neglicencia por parte da alcaldesa e do seu tripartito”, advertiu Verea.

O líder popular explicou o sentido da abstención do PP no pleno extraordinario do pasado venres, que permitiu desbloquear o pago de 2,2 millóns de euros en horas extras para policías e bombeiros. “O expediente era ilegal, con informes negativos, pero decidimos poñer por diante o respecto e a admiración polos bombeiros e pola policía local antes que a nosa propia coherencia política”, dixo. “Non estamos aquí para branquear as chapuzas de Goretti Sanmartín, pero tampouco imos castigar aos servizos de emerxencia que seguen arriscando a súa vida por todos nós”, engadiu.

“Santiago está perdendo pulo turístico”

Durante a entrevista, Verea dedicou unha parte importante á situación turística da capital galega, alertando dunha “desaceleración preocupante” no sector. Segundo os datos que manexa o PP, Santiago rexistrou os peores datos turísticos dos últimos cinco anos.

“Este goberno é profundamente turismofóbico. Non apoia, non acompaña e non promove unha das principais industrias da cidade”, asegurou.

“Santiago naceu para recibir xente, é parte do noso ADN. Querer eliminar ou reducir iso é un erro histórico”, insistiu.

O popular tamén se mostrou crítico coa taxa turística, que considera “un falso debate” e “un parche ideolóxico sen efectos reais”, e pediu un plan de promoción “ambicioso e continuado” que recupere o espírito aberto e hospitalario de Compostela. “Non podemos permitir que o cansanzo puntual duns poucos se converta en política municipal permanente”, afirmou.

“A alcaldesa converteu Santiago nunha chirigotada”

Verea referiuse ademais ao episodio no que a alcaldesa enviou unha carta manuscrita ao alcalde de Nova York, convidándoo a visitar a cidade. O líder popular considerou aquel xesto “unha mostra máis da frivolidade do goberno local”.

“Ben no fondo, mal na forma. Non se pode converter unha representación internacional da cidade nunha achirigotada de Instagram”, criticou.

“A alcaldesa está máis pendente das redes sociais ca de resolver os problemas de Santiago. A cidade está sucia, sen efectivos policiais, con centros socioculturais pechados e un parque de bombeiros inoperativo. Está facéndolle moito dano a Santiago”, sentenciou.

O PP xa pediu oficialmente a dimisión de Sanmartín, aínda que Verea recoñeceu que non agarda que iso aconteza: “Sei que non vai marchar, pero é a nosa obriga dicir con claridade que isto non dá para máis. O Concello está en situación de colapso e Santiago non pode seguir así”.

“Non buscamos sillóns, buscamos resultados”

Preguntado sobre a fallida moción de censura proposta meses atrás, Verea asegurou que o PP actuou con “xenerosidade política e sentido de cidade”. Lembrou que o seu grupo aceptara unha oferta dos concelleiros non adscritos para apoiar a socialista Mercedes Rosón como alcaldesa, nun intento de desaloxar ao BNG. “Fixémolo por Santiago, non por nós”, dixo.

“Non queremos sillóns nin flashes. Queremos mellorar a cidade. Esa xenerosidade fixo que temblasen moitas pernas, porque ninguén esperaba esa actitude por parte do PP”, afirmou.

“Pero gobernar para non facer nada non ten sentido. O tempo pasa e o tren do cambio perde forza cada mes que pasa”, engadiu.

Mirando a 2027: “Só hai dúas opcións”

Con vistas ás eleccións municipais de 2027, Borja Verea asegurou que “Santiago enfróntase a unhas eleccións moi sinxelas: ou o cambio que representa o PP, ou a continuidade do tripartito”. Calcula que o PP precisará arredor do 44 % dos votos para lograr a maioría. “Non me preocupa se haberá 25 ou 27 concelleiros, o importante é que haxa un concelleiro máis ca o tripartito. Todo o demais é ruído”, afirmou.

O líder popular defendeu un proxecto centrado en “recuperar a ilusión e o orgullo de cidade”, e non ocultou as súas aspiracións: “Quero ser alcalde de Santiago de Compostela. Lévoo dicindo desde o primeiro día. Sinto esta cidade profundamente e quero poñela en marcha de novo. Cada semana que pasa sen cambio é unha semana perdida para Santiago.”

Para Verea, o traballo electoral pasa por reconectar co tecido social, tamén con votantes doutros partidos. “Necesitamos que xente do PSOE, do BNG ou de Compostela Aberta confíe en nós, máis alá das siglas. O proxecto de Santiago ten que estar por riba das camisetas políticas”, dixo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *