AD

Actualidad

Verea: “Goretti Sanmartín debería estar contenta: xa ten o que quería, un Santiago illado e desconectado”

today10 abril, 2026

Fondo
share close
AD

O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, respondeu hoxe ás declaracións da alcaldesa, Goretti Sanmartín, sobre a conectividade aeroportuaria e a coordinación do sistema galego, asegurando que “o problema non é o que di agora, senón o que leva facendo tres anos”.

“Goretti Sanmartín debería estar contenta, porque xa ten exactamente o que quería: un Santiago cada vez máis illado, con menos conexións e perdendo oportunidades mentres outras cidades avanzan”, afirmou Verea.

O popular criticou que a alcaldesa trate de “desviar a atención cun discurso cheo de contradicións” cando, ao seu xuízo, “é o propio goberno municipal o que leva tempo poñendo en cuestión o turismo e lanzando mensaxes negativas sobre a cidade”.

“Ninguén entende que quen leva anos falando de que hai demasiado turismo, de que o visitante é un problema, veña agora dar leccións de como atraer rutas aéreas. Primeiro sinalaron ao turismo como un inimigo e agora sorpréndense de que Santiago perda forza”, apuntou.

Verea lembrou tamén “o realmente relevante non é facer titulares, senón ter un modelo serio e competitivo”. “Outros territorios están a mobilizar millóns de euros para captar rutas, mentres aquí levamos tres anos sen unha estratexia clara e improvisando constantemente”, indicou.

En relación ás palabras da alcaldesa nas que asegura que o Partido Popular “ten un problema coa verdade”, Verea foi claro: “Aquí non hai ningún problema coa verdade. O que hai é un goberno que leva tres anos negando a realidade”.

“Nós non falamos mal de Santiago, defendémolo. O que facemos é dicir o que moita xente xa percibe: que esta cidade está a perder oportunidades. O realmente preocupante é escoitar á alcaldesa dicir que poñemos unha diana sobre Santiago, cando foi o seu propio goberno o que durante meses sinalou ao turismo como un problema e cuestionou o modelo da cidade”, engadiu.

Sobre a suposta falta de diálogo denunciada pola alcaldesa, o líder popular foi contundente: “O que non pode facer o goberno de Santiago é queixarse de falta de diálogo mentres se dedica a confrontar permanentemente e a romper pontes con todo o mundo. A lealdade institucional non se proclama, practícase”.

Onte no Comité Executivo local Verea tamén cuestionou o relato da alcaldesa sobre a situación do aeroporto compostelán: “Os datos están aí. Santiago ten unha posición privilexiada, pero esa vantaxe non é infinita. Se non se traballa con seriedade, pódese perder, e iso é o que está empezando a pasar”.

Ademais, insistiu en que “o verdadeiro problema non está no que fan outras administracións, senón na falta de rumbo do goberno municipal”.

“Un goberno -engadiu- que leva tres anos debilitando a nosa posición. Por iso hoxe Compostela está máis illada que nunca. Santiago necesita un goberno que crea na cidade, que a defenda e que traballe para conectala co mundo. Nós imos seguir facéndoo con responsabilidade, con propostas e dicindo a verdade, aínda que moleste”.”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *