Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe que o goberno do BNG e CA “ten instrumentos de servizos sociais, sanitarios, de seguridade, de convivencia pública e xudiciais, é dicir, conta con mecanismos suficientes para atallar o senfogarismo na cidade, pero ou non sabe ou non quere”.
O popular fixo estas declaracións despois de que, esta semana, os concelleiros Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, se desprazaran ata a praza de Cervantes, ante o aumento de incidentes na cidade, como as pelexas no Ensache, narcopisos ou o aumento dos casos de senfogarismo, entre outros.
Verea remarcou que “hai cansazo na cidadanía, cada semana hai máis inseguridade, máis incidentes, cada vez máis persoas vulnerables, ou non vulnerables, están na rúa sen ningunha solución”. Así mesmo, indicou que “nós achegámonos ata Cervantes, pero poderiamos estar, perfectamente, diante da rúa do Franco, en Correos, ou no Toural, e non se fai absolutamente nada”.
Engadiu que o goberno de BNG e CA, “tería que explicar, tamén é importante e hai que dicilo, que cando un grupo de senfogar leva a cabo actos violentos ou ameazas, xa non é só un problema de servizos sociais, tamén é un problema de convivencia e iso non se lle pode agochar á veciñanza e menos á cidadanía adulta, simplemente, hai que falar cos comercios, cos veciños e con quen teña que convivir con estes problemas”.
O líder popular destacou tamén que “non ter escrúpulos” é ter a persoas vulnerables ou non vulnerables na rúa, sen ningún tipo de saída; e tamén políticas sen escrúpulos son bloquear a construción de vivenda pública, por intereses partidistas; non ter escrúpulos é consentir a situación tercermundista do Refuxio de Bando que obriga a sacrificar animais; ou os vertidos no Sar, que están sufrindo todos os santiagueses e os concellos limítrofes.
“Só faltaba -subliñou Verea- que no lexítimo exercicio da nosa responsabilidade, que é marcar aqueles asuntos da axenda pública que entendemos que teñen que ser solucionados por este goberno, non poidamos desprazarnos a diferentes partes da cidade, onde se producen estes problemas que, por outra parte, son de coñecemento público, porque tanto o problema de Correos, o de Cervantes, ou o do Toural son coñecidos por toda a cidade”.
Asegurou que é lamentable que “se, como din, están actuando, están actuando mal e a xente non o nota, polo que dicir que se actúa, mentres o problema se agrava, é como non dicir nada, tamén din que nos trasladan información, pero se a información que nos pasan non nos convence, só faltaba que non poidamos facer unha denuncia pública, co fin de atraer á axenda pública unha cuestión que para nós é importante, estamos exercendo a nosa responsabilidade, sen apuntar a ninguén”.
Posta en marcha de medidas
O líder popular recalcou que o goberno do BNG e CA debe poñer en marcha medidas sociais, sanitarias e xudiciais para os casos de persoas vulnerables pero tamén para todos os casos de inseguridade e convivencia, que axuden a rematar con situacións como estas, “para elo, -agregou- como xa dixemos moitas veces, habería que mellorar a presencia policial e vixilancia na cidade, sobre todo, no Casco Histórico, ademais de activar un Plan Plurianual para a contratación de 100 novos policías locais, co que se poderían configurar patrullas que fagan as rondas axeitadas, xa que, na actualidade, non hai suficiente presenza policial na rúa; porque, tendo en conta a nosa poboación real e flotante, serían necesarios en Compostela uns 220 policías municipais”.
Finalmente, Verea insistiu tamén en activar a posta en marcha da gravación das cámaras de videovixilancia e instalar algunhas máis e que se proceda a substituír, revisar e redeseñar o sistema de iluminación da cidade, claramente insuficiente na actualidade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)