Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 septiembre, 2025
• “Para nós -dixo o popular- hai outro camiño para facer as cousas, polo que non subiríamos o IBI ás vivendas baleiras, como deixamos moi claro no Pleno, nós non estamos de acordo en que a solución á vivenda baleira sexa subir impostos”.
• “Queda claro -indicou- que o meu obxectivo é demostrar que hai dúas maneiras de gobernar: a de BNG, CA e PSOE; castigando, prohibindo, sancionando e subindo impostos, mentres que nós propoñemos: baixar impostos, premiar, incentivar e axudar”.
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propuxo a posta en marcha de cinco medidas destinadas “a mobilizar a vivenda baleira co fin de devolvela ao mercado”, alonxándose así das políticas centradas na prohibición e no castigo á veciñanza, que executa o goberno de BNG e CA, cos seus socios do partido socialista.
“Para nós -dixo o popular- hai outro camiño para facer as cousas, polo que non subiríamos o IBI ás vivendas baleiras, como deixamos moi claro no Pleno, nós non estamos de acordo en que a solución á vivenda baleira sexa subir impostos”.
Verea destacou que a primeira desas medidas sería “bonificar ou baixarlle o IBI aos propietarios que poñan o seu piso en aluguer, acrediten prezos asumibles e un contrato de longa duración, todo isto dentro dun programa municipal que permite a Lei de Facendas locais, xa que cremos que é una medida máis incentivadora e que ten máis capacidade de mobilizar que, simplemente, subir o IBI”.
Ademais, explicou o líder popular “queremos subvencionar á rehabilitación a cambio de aluguer, é dicir, como Administración local axudar aos propietarios para que rehabiliten as súas vivendas e as poñan en aluguer cun prezo asequible e a longo prazo; tamén propoñemos un Banco Público de Vivenda, algo que xa repetimos en numerosas ocasións, onde o Concello actúe como garante das rendas, creando fogares accesibles, co que se lle daría seguridade aos propietarios”.
Outra das medidas sería permitir a conversión de baixos en vivendas, empezando por zonas como Conxo e Santa Marta, “onde hai locais que levan máis de 20 anos sen actividade”. “En vez de baixos baleiros -reiterou-, teríamos vivendas, creo que é a maneira de mobilizar, o mesmo que priorizar licenzas de obra e de rehabilitación de vivendas antigas”.
“Polo tanto- indicou Verea-, queda claro que o meu obxectivo é demostrar que existen dúas maneiras de gobernar: a de BNG, CA e PSOE, que defenden un xeito de gobernar que levan facendo dende hai dez anos: castigar, prohibir, sancionar e subir impostos, mentres que nós propoñemos outro modelo, que é: baixar impostos, premiar, incentivar e axudar”.
O líder popular tamén se pregunta, como o resto dos veciños e veciñas de Santiago, “para que queren recadar máis, cando non son capaces de gastar o que teñen, cantos máis impostos cobran, peor funciona a cidade”.
Así mesmo, Borja Verea solicitou a retirada da mercantilización do solo público con construtoras privadas por parte do BNG e CA, “é unha pena -dixo- que se estea vendendo solo público, 8.000 m2 concretamente, cando se podían construír directamente vivenda 100% pública en solo publico e xa din os datos: os pisos privatizados polo BNG terán, como mínimo, un prezo de 180.000 euros para 80 m2 e os pisos que propoñemos nós, cen por cen públicos, terán un prezo de 100.000 €, por 80 metros cadrados, porque son prezos subvencionados”.
Finalmente, Verea subliñou que “os datos de vivenda demostran a nefasta xestión de BNG, CA e PSOE. En 2024, houbo o maior incremento interanual de prezo de alugueiro de toda a serie histórica, non hai hoxe vivendas en Santiago a prezo asequible, polo que algunha responsabilidade terán os gobernos de BNG, CA e PSOE neste caos de vivenda, despois de gobernar, practicamente, toda a vida este Concello”.
Escrito por Líder Redacción
borja verea IBI partido popular Santiago de Compostela vivenda
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)