Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 octubre, 2025
O director executivo de Viaqua, Nicolás Esmorís, advertiu nunha entrevista en Radio Líder Santiago que a combinación de secas prolongadas, incendios forestais e infraestruturas obsoletas están a poñer en risco o abastecemento de auga en Galicia. “Se non vén un outono como ten que vir, o verán que vén vai ser moi complicado”, afirmou con rotundidade, sinalando que a prolongación da seca no outono é “o peor escenario” para os sistemas hídricos da comunidade.
Viaqua, que xestiona a auga en 48 concellos galegos (e nalgún xeito en máis de 80), viviu un verán “intenso”, con problemas derivados dos incendios en Ourense e Lugo. A compañía tivo que enviar camións cisterna para arrefriar zonas afectadas e enfrentouse a interrupcións do subministro eléctrico que afectaron ás plantas potabilizadoras. Esmorís foi claro: “Cada vez hai máis episodios extremos e hai que prepararse con infraestruturas axeitadas”, xa que “o cambio climático xa está aquí, e Galicia non está preparada”. Neste sentido, apelou á colaboración público-privada para adaptar as redes de abastecemento aos novos desafíos ambientais.
A entrevista tamén puxo o foco na aposta pola innovación e a sustentabilidade. Esmorís destacou o éxito do proxecto CIGAT Circular, desenvolvido con CETaqua, que busca transformar residuos das depuradoras en produtos de valor engadido, como celulosa ou desinfectantes multiusos. “Non pode haber unha empresa de auga que non innove”, sinalou. Xa presentaron documentación para unha nova unidade mixta de investigación, que de ser aprobada, situaría Galicia á vangarda da economía circular.
O labor de Viaqua vai máis alá da xestión técnica. A empresa mantén un forte compromiso social, con proxectos como bolsas educativas para mozos en situación de vulnerabilidade (en colaboración con IGAXES) ou programas co sistema educativo galego. Destaca tamén o programa de FP Dual AUGA, que permite formar perfís profesionais altamente demandados: “O 75% do alumnado queda a traballar connosco”, afirmou.
En canto á situación en Santiago, Esmorís expresou preocupación polo contrato “en precario” coa administración local. A falta de renovación impide investir en renovacións críticas: “Non podemos investir se non temos garantía contractual, e iso repercute directamente nos usuarios”, dixo, apelando a unha pronta resolución do modelo de xestión.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)