Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Vila de Cruces, 5 de maio de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- O Concello de Vila de Cruces presenta o programa da XXXI Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano se celebrará os días 24 e 25 de maio. Considerada Festa de Interese Turístico Galego, a celebración iniciarase o sábado 24 co Festival de Bandas de Música de Galicia, que comezará ás 18:00 horas na Praza Juan Carlos I (Praza do Concello). Contarase coa presenza da Banda de Música Unión Musical de Ponteledesma, a Banda de Música Cultural Teo e a Banda de Música Artística de Merza acompañada pola Coral de San Salvador de Camanzo. Xa pola noite, ás 00:00 horas, terá lugar o concerto de Gin Toni’s, un grupo que fai versións de clásicos da música española, de grupos como Seguridad Social, Revolver, La Guardia, El Ultimo de la Fila ou Fito y Fitipaldis.
A fin de semana da Festa Gastronómica do Galo de Curral continuará o domingo 25 coa súa xornada grande, que estará presentada pola xornalista cruceña Mercedes Seijo. Comezará ás 11:00 horas con pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco de Merza’ e ‘A Brincadeira de Carbia’. Xa ás 11:30 horas sumarase á festividade unha exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Clásicos O Toxo na praza do Concello. O ambiente festeiro continuará ás 12:10 horas coa actuación do grupo local de música tradicional ‘Xuntounos Ela’ que encherá cos seus sons toda a vila.
Un dos momentos álxidos da xornada será o pregón, ás 12:45 horas, a cargo do actor Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959), un profesional da escena con máis de trinta anos de experiencia. O pregoeiro contaxiará do seu humor retranqueiro a todo o público Galo. Carlos Blanco, que nos últimos cinco anos non deixou de rodar, afirma que é un «adicto» á escena. «É o que sei facer e encántame. Non hai como unha gargallada do público. É adrenalina para min», asegura.
O mediodía terá un gran momento musical. Ás 13:10 horas toda a veciñanza de Vila de Cruces e os centos de visitantes que se achegarán ata a vila poderán desfrutar co concerto de Natalia, que saltou á fama con tan só 18 anos na primeira edición do famoso talent show musical Operación Triunfo.
Así fixo realidade o seu sono da nenez, converterse nunha cantante que ten xa cinco álbumes de estudo, un álbum recopilatorio, e 28 singles, entre eles temas tan coñecidos como ‘Vas a volverme loca’ ou ‘Besa mi piel’ cos que gañou dous discos de oro, un disco de platino e máis de medio millón de discos vendidos, ademais de diferentes recoñecementos que distinguen os seus máis de 23 anos de carreira. Na actualidade, Natalia está inmersa na promoción e xira do seu novo single ‘Nadie más’ que presentará na Festa do Galo.
Pero non todo pode ser música e, como auténtica festa gastronómica, contarase cunha degustación de galo de curral, a partir das 12:00 horas na praza do Concello. O cociñeiro e veciño de Cruces Antonio Muñeiro preparará máis de 300 ración de galo de curral con patacas e fabas a un prezo simbólico de tres euros.
O día pecharase por todo o alto coa música de verbena da orquestra Marbella, que ofrecerán unha gran actuación a partir das 18:30 horas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)