Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 diciembre, 2025
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, realizou nos micrófonos de Radio Líder Santiago un amplo balance do ano que remata, definíndoo como “un ano de encamiñar proxectos clave” que marcarán o futuro do concello nos vindeiros exercicios. “Non paramos. Foi un ano de moita implicación, moito esforzo e de abrir camiños que verán a súa execución real no 2026”, sinalou.
Entre os fitos máis destacados, Louzao puxo o foco no inicio das obras da autovía Santiago–A Estrada, unha infraestrutura agardada durante máis de tres décadas. “Esta autovía vai ser a gran transformación do noso concello, porque nos vai facer competitivos e conectarnos coa capital de Galicia en apenas dez minutos”, afirmou, recoñecendo tamén as molestias que xerarán as obras pero insistindo nas oportunidades que abrirán a nivel económico e social.
Outro dos piares fundamentais do balance foi o desenvolvemento económico. O alcalde destacou o traballo para ampliar e adaptar o polígono industrial ás necesidades reais das empresas: “Temos que garantir solo industrial público, competitivo e con bos servizos, para que as empresas da Estrada poidan medrar e para atraer novos proxectos”. Segundo explicou, xa existen numerosas solicitudes de empresas tanto locais como de fóra interesadas en instalarse no municipio.
No ámbito das infraestruturas e equipamentos, Louzao repasou actuacións como a inauguración do novo edificio xudicial, o avance das obras na Praza de Galicia, as melloras en centros educativos, a aposta pola Formación Profesional vinculada á madeira e o moble, así como investimentos en instalacións deportivas, culturais e viarias, especialmente no rural. Só en estradas municipais, o Concello destinou este ano dous millóns de euros, cifra que se prevé repetir en 2026.
Especial relevancia tiveron os fondos europeos, cunha achega de dez millóns de euros, dos cales máis de seis millóns e medio se investirán directamente no rural estradense. “Somos o concello con máis núcleos de poboación de España, con 473, e queriamos que os fondos europeos chegasen tamén a esas zonas”, explicou o rexedor, avanzando proxectos de saneamento, reciclaxe, mellora ambiental e recuperación de espazos naturais como a contorna do río Liñares.
A política social foi outro dos eixos centrais da entrevista. Louzao anunciou un incremento superior ao 20% no orzamento de servizos sociais para 2026. “É unha aposta necesaria para atender ás persoas que máis o precisan, aínda que sabemos que segue sendo insuficiente”, recoñeceu, defendendo tamén a construción dun novo edificio específico para servizos sociais “adaptado ás necesidades do século XXI”.
No capítulo da vivenda, o alcalde mostrou a súa preocupación pola falta de oferta e polos prezos elevados, un problema que cualificou de “complexo e transversal”. Lembrou o compromiso da Xunta coa construción de 28 vivendas públicas na Estrada e a posibilidade de reconverter baixos comerciais en vivendas, algo xa contemplado no PXOM desde 2013. “Temos que buscar solucións reais para que a xente nova poida facer a súa vida na Estrada”, subliñou.
De cara a 2026, Louzao avanzou novos obxectivos como a creación dunha liña de axudas para fosas sépticas individuais no rural, o reforzo do investimento en vías públicas e a reclamación ao Estado dunha mellor conservación da N-640. “A política non vai de facer deberes para as eleccións, vai de dar o máximo cada día con vocación de servizo público”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)