Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
18/09/2024 Dez anos despois, Santiago volverá acoller un festival de deporte e música urbanos, grazas ao impulso da Concellaría de Xuventude. Trátase do Compostela Skate, un evento que reunirá aos mellores deportistas de toda Galicia na Praza da Constitución o próximo 28 de setembro. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o festival, acompañada polos seus coordinadores, Alberto Muíño e Rubén Varela, coñecido como DJ Mil.
O Compostela Skate celebrou a súa primeira edición en 2010 e a última en 2014, sempre vinculadas ás festas da Ascensión e en espazos como o Campus Sur ou a Praza do Toural. Dez anos despois, a Concellaría de Xuventude retoma e reforza o programa, e lévao ao parque da praza da Constitución, aproveitando unhas instalacións que foron expresamente deseñadas para a práctica do skate. O departamento que dirixe María Rozas pón en marcha o programa en colaboración con Cultura Urbana Shop, Vella Escola, Wax Cultura Dj e Skate.
María Rozas explicou que a concellaría de Xuventude «fai unha clara aposta por eventos relacionados coa cultura urbana, porque cremos no seu enorme potencial como ferramenta de transmisión de valores e de xeración de comunidade». Ademais, sinalou, «somos conscientes de que esta é unha demanda que existe entre os mozos e mozas, e de feito vimos de celebrar o Santiago Urban Fest porque foi unha das propostas máis votadas no proceso de Orzamentos Participativos». A concelleira animou á veciñanza a participar do Compostela Skate «tamén ás xeracións máis maiores, porque a xornada vai ser todo un espectáculo e porque tamén pretendemos que se coñezan mellor estas disciplinas artísticas e deportivas, que acaban de chegar mesmo aos Xogos Olímpicos de París».
Programa
Alberto Muíño salientou que o Compostela Skate traerá a Santiago «a grandes deportistas en disciplinas como o skate, o breakdance ou o street breakdance, que demostrarán a súa valentía e as súas habilidades nun evento que vai ser unha experiencia única». Tal e como explicou, haberá competición nesas modalidades, para as que xa están abertas as inscricións, e tamén exhibicións doutras disciplinas como BMX Flatland, Arte Urbana e Dj’s.
O Compostela Skate pecharase cun concerto que contará coa participación Saibran (un dos integrantes de Boyanka Kostova), Sandra FG, Mahía, e André GS. Este último fai parte, ademais, da comunidade dos grupos que ensaian no Centro Xove da Almáciga. Rubén Varela, DJ Mil, explicou que se trata na súa maioría de «artistas novos pero moi prometedores, que están xerando un gran interese entre a comunidade».
Escrito por Líder Redacción
compostela skate noticias compostela radio lider santiago santiago xuventude
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)