AD

Comarca

Volve o concurso de decoración de Samaín ao comercio de Ames

today15 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza a segunda edición do concurso de decoración de Samaín, unha iniciativa que fixo a súa estrea o ano pasado e gozou dunha gran acollida entre a veciñanza e os comerciantes amesáns

Repartiranse 2.000 euros en premios: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro

As inscricións poderán tramitarse dende mañá, 16 de outubro, ata o vindeiro día 22

Ames, 15 de outubro de 2025.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza a segunda edición do concurso de decoración de Samaín, unha iniciativa que fixo a súa estrea o ano pasado e gozou dunha gran acollida entre a veciñanza e os comerciantes amesáns. Deste xeito, preténdese fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. Repartiranse 2.000 euros en premios: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A decoración deberá estar exposta como mínimo dende o luns 27 de outubro ata o domingo 2 e novembro. As inscricións poderán tramitarse dende mañá, 16 de outubro, ata o vindeiro día 22. O motivo e decoración dos escaparates terán como tema principal a festa do Samaín.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Concurso de decoración de Samaín, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Promoción Económica para fomentar o comercio local de Ames e que gozou dunha gan acollida na súa estrea o ano pasado entre comerciantes e consumidores.

Este concurso naceu a raíz da petición dos propios propietarios/as dos establecementos comerciais que foran galardoados no concurso de decoración de Nadal. Deste xeito, solicitaron organizar máis iniciativas deste tipo para fomentar que a veciñanza visite e merque no comercio local.

Á presentación asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; un dos membros do xurado e cofundadora da empresa Marxe A+T, Natalia Alvaredo, e dous representantes de Protección Civil de Ames, Carlos Sendiña Pintos e Carlos Sendiña Nadal.

Abriu o acto a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, subliñou que “animo a participar a todos os establecementos posibles nesta iniciativa que pretende dinamizar o noso comercio e hostalería local, pois é unha atracción para atraer a posibles clientes. A xente achégase a ver os escaparates decorados e mesmo bota unha ollada por dentro do establecemento, o que é un incentivo para poder mercar.”

Pola súa banda, un dos membros do xurado e cofundadora da empresa Marxe A+T, Natalia Alvaredo, explicou que “os criterios que se valorarán por parte do xurado serán o desexo ou atracción de compra, a orixinalidade e a composición, o emprego dos propios produtos do comercio ou tenda e o fomento da sostibilidade, empregando por exemplo produtos reciclados na decoración”.

Inscrición, lugar e prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte á publicación do extracto das bases do concurso no Boletín Oficial da Provincia. O último día de presentación de solicitudes será o día 22 de outubro de 2025. Non se admitirán solicitudes presentadas fóra do prazo indicado. As solicitudes poderán presentarse mediante instancia xeral acompañada do Anexo I na Sede electrónica do Concello de Ames. Do mesmo xeito, poderán presentarse de forma presencial de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou nas Oficinas Municipais no Milladoiro.

Por outra banda, todos os concursantes terán que enviar un vídeo do establecemento decorado, de como máximo 30 segundos, ao correo electrónico amesnarua@gmail.com. Posteriormente, o vídeo será publicado nas redes sociais de Promoción Económica para promocionar os comercios participantes. O último día de presentación do vídeo será o 28 de outubro de 2025. Só se admitirán os vídeos enviados no prazo indicado e para os que conste a solicitude de participación rexistrada no Concello ata o 22 de outubro de 2025.

Condicións de participación

Os motivos e decoración dos establecementos terán como tema a festa de Samaín. Soó poderá presentarse ao concurso un único proxecto por establecemento. O interior do establecemento así como o escaparate, deberán manter a súa decoración entre os días 27 de outubro de 2025 e o 2 de novembro de 2025.

O importe da convocatoria e dos premios ascende a 2.000 euros que se repartirán do seguinte xeito: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. Así mesmo, o concurso Samaín 2025 tamén está dotado coa cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal, para os tres gañadores.

Composición do xurado

O xurado estará composto por 3 membros: Natalia Alvaredo, cofundadora da empresa Marxe A+T  que forma parte do Coworking A Proa; Lucía Rodríguez, en representación do voluntariado de protección civil de Ames; e Félix Caramés, representante da Unión de Consumidores de Galicia. Ademais, un/unha traballador/a da Concellaría de Promoción Económica actuará como secretario/a, con voz pero sen voto. O xurado valorará os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorarase a utilización de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *