AD

Arte y Cultura

Why Not? reivindica máis escenarios para a música emerxente desde Onda Chicha

today2 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Os gañadores da terceira convocatoria de Onda Chicha compartiron en Radio Líder Santiago a súa visión sobre a música emerxente e avanzaron os seus plans de futuro, entre eles o lanzamento do seu próximo sinxelo, titulado “Tarasca”, en homenaxe ao mítico pub da zona vella compostelá.

A banda Why Not? foi protagonista dunha nova edición do espazo Onda Chicha, onde puxo voz á realidade das bandas emerxentes en Galicia. Ata os estudos desprazáronse Nateras (guitarra), Mario Villatoro (baixo) e Nerea Pallarés (voz), mentres que o batería Teo Casarejos non puido asistir por motivos persoais, aínda que estivo moi presente ao longo da conversa.

Onda Chicha é un proxecto que nace da colaboración entre Radio Líder Santiago e Chichalovers, co obxectivo de dar visibilidade ás bandas emerxentes e á música en directo. A iniciativa conta ademais coa colaboración de Quincemil, Arde Música, Garaxe Land e a Sala Capitol, sumando esforzos entre medios, colectivos e espazos culturais para crear unha plataforma estable de apoio á escena musical galega e aos novos talentos.

Durante a entrevista, o grupo repasou os seus primeiros pasos, lembrando o seu debut en directo en Vigo. “A primeira vez estabamos cagadísimos, todos”, recoñeceron entre risas, explicando que tocar arroupados por amizades e familia fixo máis doado ese salto desde a intimidade da habitación ao escenario. Uns nervios que, lonxe de desaparecer, seguen acompañándoos concerto tras concerto: “Eu estaba igual de nervioso no último concerto que fixemos”, admitiron, asumindo que esa tensión forma parte da esencia da música en directo.

Amaramar, banda gañadora da segunda convocatoria de Onda Chicha

Outro dos temas centrais da conversa foi o uso das linguas nas súas cancións. Why Not comezou escribindo en inglés, influído por unha visión máis idealizada e internacional da música, pero co paso do tempo foi atopando unha voz máis propia en castelán e en galego. “En castelán sentinme moitísimo máis cómoda, podía expresarme mellor”, explicou Nerea, deixando claro que o galego é xa unha lingua coa que se senten plenamente identificados: “O galego, cen por cen”.

A banda tamén puxo o foco nas dificultades actuais para tocar en directo, especialmente para grupos novos. “Agora temos que pagar por tocar, reservar a sala, xuntar bandas… e iso fai que as entradas sexan máis caras”, denunciaron, lembrando unha época na que a música en vivo formaba parte da vida diaria das cidades. A pesar diso, destacaron o bo ambiente entre bandas emerxentes e a rede de compañeirismo que se está creando por toda Galicia.

Lisdexia, protagonista do primeiro Onda Chicha da tempada

No apartado de proxectos, Why Not? confirmou que xa está traballando no seu primeiro disco, tras montar un pequeno estudo de gravación cos cartos obtidos na súa xira por cidades como Madrid, Lugo, Ourense ou A Coruña. O plan pasa por lanzar varios sinxelos nos próximos meses. “Antes do verán queremos ter xa un single fóra do que será o disco”, avanzaron. Entre esas cancións destaca “Tarasca”, un tema inspirado na vida universitaria en Santiago que xa se converteu nun dos máis celebrados polo público nos seus concertos.

A súa presenza en Onda Chicha responde, segundo explicaron, á necesidade de visibilización e ao desexo de seguir sumando escenarios. “Gústanos tocar en moitos sitios, coñecer xente e que nos chamen para tocar”, aseguraron. Un obxectivo que podería materializarse o próximo 13 de xuño, cando poderían actuar na sala Capitol dentro do ChichaFest, unha posibilidade que afrontan con ilusión e responsabilidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *