AD

Comarca

Xornada en Padrón sobre saúde laboral e prevención no traballo autónomo

today17 junio, 2025

Fondo
share close
AD

• O alcalde Anxo Arca inaugurou a iniciativa acompañado pola concelleira de Promoción do Emprego, Chus Campos, e o presidente de UPTA España, Eduardo Abad Sabarís
• O rexedor destaca o papel clave das persoas autónomas na economía local e a boa situación do emprego na vila
• Especialistas de entidades como UPTA, UGT e MC MUTUAL abordan temas vencellados aos riscos laborais, á igualdade e á burocracia

Padrón. 17-6-2025.- O Centro Social de Padrón acolle entre hoxe e mañá a celebración da Xornada sobre Saúde Laboral e Traballo Autónomo, organizada pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), co apoio do Concello. O alcalde, Anxo Arca, inaugurou este martes a iniciativa cunha mensaxe clara: “O traballo é a base para que a cidadanía poida poñer en práctica o seu proxecto vital”.

Durante a súa intervención, o rexedor destacou a importancia do traballo autónomo na economía local e agradeceu a elección de Padrón como sede destas xornadas: “Satisfaime enormemente que UPTA escollera Padrón porque eu tamén son fillo de autónoma. Sei ben o esforzo que fan por saír adiante e manter unha empresa funcionando, moitas veces sen os mesmos recursos ou apoios técnicos que outras estruturas empresariais”.

Ademais, puxo en valor o peso do traballo autónomo na vila: “Se conseguimos empregar a 72 persoas máis, poderemos falar tecnicamente de pleno emprego. A situación en Padrón é boa porque as empresas funcionan ben, e iso temos que sabelo exportar”.

Acompañado pola concelleira de Promoción do Emprego, Chus Campos, e o presidente de UPTA España, Eduardo Abad Sabarís, o alcalde animou aos asistentes a aproveitar a ocasión para formarse e fortalecer as súas capacidades: “Estas xornadas son unha oportunidade para dispoñer de máis ferramentas e seguir sendo un motor de emprego e prosperidade”.

Durante os dous días que dura o encontro, especialistas de entidades como UGT Galicia, MC MUTUAL, IGaSS ou UGT Confederal abordarán temas clave como a prevención de riscos físicos e psicosociais, igualdade de xénero na PRL, continxencias profesionais no RETA, seguridade laboral e normativa vixente. Tamén se abrirá un espazo de participación para escoitar as demandas do sector e identificar atrancos burocráticos que frean o desenvolvemento da actividade autónoma.

Esta xornada reafirma o compromiso do Concello de Padrón co impulso ao emprendemento, a formación continua e a calidade no emprego.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *